A emoción e a entrega de distintos premios déronse a man nunha celebración que tivo lugar na casa da cultura
Alumnado e profesorado do Maruxa Mallo viviron unha xornada do máis emotiva, debido ao festival de fin de curso que se levou a cabo no auditorio da casa da cultura, en Ordes. Ademais das actuacións con coreografías, números musicais e producións audiovisuais, procedeuse coa entrega das orlas do alumnado de 4º de ESO. Pero o momento máis emotivo chegou cando se proxectou o vídeo realizado polos propios estudantes, no que se fixo un percorrido do seu paso polo instituto.
Tamén se entregou o IV Premio Maruxa Mallo á futbolista Verónica Boquete, quen se comprometeu a acudir ao centro a recollelo en persoa no inicio do vindeiro curso académico. Este galardón pretende premiar os valores do esforzo, da creatividade e do compromiso pola igualdade. O premio especial do xurado outorgouse á figura de Isabel Zendal, a veciña de Parada que protagonizou a expedición de Francisco Balmis para erradicar a varíola polo continente americano. A dirección do centro ten previsto levar a cabo un acto honorífico especial para honrar a súa memoria e dar difusión ao seu inxente labor. Outros dos galardóns dos que se fixo entrega foron os de fotografía matemática concedidos tanto polo público como por un xurado, e que respectivamente se concederon a Diego Regos Míguez e Ana Rodríguez Blanco. O premio á mellor lectora da biblioteca do centro foi para Belén Ferreiro López.