Centos de veciños quixeron sumarse na tarde de onte mércores á quinta edición da Sanxoandeirada que, baixo o título de “Onde foi o León”, percorreu distintas prazas e rúas de Riveira para render homenaxe á auga na véspera da noite de San Xoán.
A actividade, promovida polos Servizos Sociais do Concello coa colaboración de moitísimos colectivos e persoas radicadas no noso municipio, comezou cunha intervención sorpresa: a do polifacético artista Quico Cadaval que exercendo de anfitrión deu a benvida aos participantes ao Rueiro, lugar onde está localizada a súa casa familiar e tamén a Fonte Navegante que todos os anos marca o inicio desta ruada teatral comunitaria.
Acto seguido, aparecerían xa Bolboreta e os seus amigos coa misión de axudar á tribo dos Serangili a que levar a auga a África e evitar de paso que unha maldición acabe por transformar toda Riveira en pedra.
O espectáculo incardinado no Xuño da Cultura e as Artes escrito por Santi Páramo durou unha hora e media e gozou da implicación de todos os asistentes, que non dubidaron en disfrazarse e en participar en todo o que se lles propoñía para facer avanzar a trama.