Feijóo salienta que os máis de 61.000 alumnos que van iniciar unha carreira ou a continuar os seus estudos universitarios o próximo curso, non terán que pagar nin un euro máis do que viñan pagando aproximadamente hai oito anos
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe na rolda de prensa do Consello a aprobación do decreto para conxelar un curso máis as matrículas de grao, tanto nas primeiras como nas sucesivas matrículas e nos másters, logo de acadar o apoio unánime do Consello Galego de Universidades. Deste xeito, os máis de 61.000 alumnos que van iniciar unha carreira ou a continuar os seus estudos universitarios o próximo curso, non terán que pagar nin un euro máis do que viñan pagando aproximadamente hai oito anos; e, ao mesmo tempo, Galicia volverá a ser un ano máis a Comunidade coas taxas universitarias máis baixas do Estado.
Feijóo subliñou que con esta aprobación dáse continuidade a unha política activa de apoio ao estudantado universitario. Non en van, ademais da conxelación das taxas, tamén se convocará un ano máis a liña de axudas para o inicio e continuación de estudos –dirixida a quen non cumpriran os requisitos académicos adicionais esixidos polo Ministerio-; contarase con máis axudas dirixidas a cubrir as causas imprevistas que poidan afectar á continuación de estudos universitarios; e convocarase tamén como cada ano a liña específica de axudas para o inicio de estudos de máster dirixidas a persoas en situación de desemprego.
O presidente do Executivo autonómico afirmou que se Galicia tivera as taxas universitarias iguais á media de España, as familias galegas desembolsarían 25 millóns de euros máis de gasto cada ano. “Polo tanto, nesta lexislatura o aforro aproximado das familias galegas foi de 100 millóns de euros; cun aforro medio por familia de 400 euros/ano en caso de estudantes de grao, e de 700 euros/ano en caso de máster universitario”, aseverou.
Desde unha perspectiva máis global, e tendo en conta os catro anos de duración dos graos, as familias galegas aforrarán uns 1.550 euros durante toda a traxectoria universitaria dos seus fillos.
Máis polo miúdo, cómpre salientar que no caso dos graos universitarios o prezo medio, por exemplo, das primeiras matrículas mantense en menos de 12 euros/crédito, fronte aos 33 euros de media doutras comunidades como Cataluña. Tamén no caso dos másters os prezos son os máis baixos, cunha media de 26,49 euros fronte aos 65 euros/crédito de Cataluña ou os case 40 euros da media nacional.