Saturday 16 de November de 2024

Cambre rexistra 111 permisos para a noite de San Xoán


Con motivo da celebración da festividade de San Xoan, o Concello de Cambre rexistrou ata o dia de hoxe 111 solicitudes para facer lumeradas e barbacoas durante a madrugada do dia 24 de xuño. En total haberá 25 barbacoas solicitadas polos hostaleiros cambreses e 86 lumeradas en espazos públicos.

O Servizo Municipal de Emerxencias e Protección Civil terá un dispositivo especial de vinte persoas entre voluntarios e axentes do servixo que velarán toda a noite pola seguridade dos veciños e veciñas de Cambre. Inspeccionarán todas as barbacoas e lumeradas para constatar que cumpren coas obrigas remitidas polo servizo.

Entre as obrigas para a realización de cacharelas destacan: Ter limpo un radio de 5 metros arredor da cacharela, non ter unha altura superior á que determinen os Servizos de Emerxencias e Seguridade municipais que as inspeccionen e como norma xeral non superarán os 2,5 metros de altura e situar como mínimo a 15 metros de colectores, vehículos, vivendas, farolas, etc, e en ningún caso baixo tendidos eléctricos ou teléfonicos, debendo coidar que nos arredores non exista ningún local onde se almacenen produtos inflamables.

Tamén prohíbese o uso de combustibles e acelerantes, así como a queima de neumáticos, plásticos, escuma de poliuretano e en xeral de calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. E non se poderán acender sen protexer previamente o chan cunha capa de area de polo menos 10 cm. de espesor. Ademais teñen que contar con extintor ou medios adecuados para actuar en caso necesario. Os responsables das cacharelas e/ou sardiñadas deberán atender en todo momento os requerimentos dos servizos de Emerxencias e Seguridade municipais que, por razóns de seguridade, poderán ordenar a retirada ou a modificación dos seus elementos. A hora límite para rematar a celebración é ás 03.30 horas da madrugada, de acordo co horario establecido pola Xunta de Galicia para a celebración de festas e romarías populares. Ao remate os responsables da organización coidarán de que os restos queden totalmente apagados e deberán limpar o espazo autorizado antes de 24 horas. En caso contrario deberán asumir o coste da limpeza que poderan efectuar os servizos de limpeza municipais.