Friday 22 de November de 2024

A realizadora ferrolá Natalia Porca percorre Igrexafeita e as súas lembranzas nunha nova estrea en youtube do proxecto Chanfaina Lab


“Vou ser egoísta. Vou contar unha historia… ou tres, máis ben. Todas comezan e rematan no mesmo lugar. Aquí: presente, pasado e futuro. Tres en un, ou catro. O pasado convertido en presente, no día a día. O tempo non chega, detense… coma sempre”. Así arranca a curtametraxe “Materia prima” producida pola realizadora Natalia Porca para o Chanfaina Lab. O comezo da peza é unha declaración da directora sobre a lembranza como materia prima que tece o concepto do paso do tempo. Fala en primeira persoa percorrendo lugares de Igrexafeita que, para ela, significan en certo modo unha volta ás orixes.

A ficha da curta en Fálame de San Sadurniño cóntanos que Natalia Porca naceu en Ferrol hai 21 anos, pero que os avós maternos de Natalia viviron na Pena da Meda (Igrexafeita). A cineasta chegou á Chanfaina con certa crise existencial e sen saber moi ben que facer:”Tiña tirado un fío narrativo a partir de tres casas de Igrexafeita que estaban relacionadas coa miña memoria persoal. Algo así como o pasado, o presente e o futuro a través das lembranzas localizadas nas tres casas. Tamén algunhas fotos vellas que saquei da casa da miña tía, mais non sabía como conectalas entre si… Ao final, na montaxe dei coa metáfora que pretendía a través dun texto con vocación poética que cargou de sentido as imaxes de Igrexafeita da miña infancia. En realidade nesta peza tan só fun unha nena que indagou coa súa cámara nas casas da familia, algunhas en ruínas, na procura dos alicerces, do sentido do que fomos, mais tamén do que somos no presente”.

“Materia prima” propón unha viaxe polo tempo e a memoria desta prometedora cineasta, un flashback polos espazos da patria da infancia, que sempre se idealizan co paso do tempo vivido. Esa materia prima que conforma o noso xeito de ver o mundo hoxe, mais que bebe dos tempos no que fomos nenos e nenas. En palabras do crítico Fernando Solla: “Os humanos mudamos, pero moito máis rápido que a nosa contorna. Tras un camiño de pedra ao que ninguén chega, detense o tempo e empeza a vida segreda. Un exterior aparentemente inhóspito contrastará co ritmo interior dun fogar. Unha parada para cerciorármonos de que aínda temos a vida por diante como retrato cinematográfico do futuro que aínda non vivimos. Que será presente e despois pasado. Unhas imaxes envoltas nun son naturalista e que, na voz da autora, nos confesan que a materia prima da vida son os recordos e estes son caprichosos e aleatorios, ¿eliximos a nosa propia identidade de maneira selectiva?. O paso do tempo: o que antes era un campo, agora é unha piscina. Personalísima e emotiva curtametraxe.”.

Natalia Porca é unha realizadora moi nova que ingresou na Facultade de Comunicación de Santiago, onde vai comezar o cuarto curso de Comunicación audiovisual. Escritora vocacional, cineasta ocasional e curiosa pola vida, Natalia realizou algunhas curtas na facultade, entre elas “Meus ollos firen” (2014), 4º Premio no certame CinEOI 2015 e finalista en Olloboi 2015. Participa activamente na revista cultural Compostimes e mantén “Tintas y cuerdas”, un blog persoal de creación literaria e audiovisual.