Saturday 16 de November de 2024

O grupo de traballo de promoción do Consejo Jacobeo acorda elevar ao seu comité executivo unhas directrices de sinalización do camiño baseadas nas aprobadas por Galicia


A Comunidade marca a liña de actuación na xestión da Ruta Xacobea cunha normativa para unificar e harmonizar as indicacións

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañada polo xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, participou no grupo de traballo de promoción, sinalización, infraestruturas e apoio a visitantes e peregrinos do Consejo Jacobeo, celebrado esta mañá en Ponferrada e no que estaban todas as comunidades autónomas que o integran.

Neste contexto, acordouse elevar ao Comité Executivo do organismo unhas directrices de sinalización na Ruta Xacobea para dar continuidade aos diferentes treitos nas autonomías que integran a entidade. Esta proposta recolle a que aprobou a Xunta de Galicia a través dunha Orde publicada en novembro de 2015.

Desta maneira, a normativa elaborada polo Goberno galego é un referente para as novas recomendacións que se adoptarán ao respecto e Galicia marca unha vez máis a liña de actuación na xestión do Camiño de Santiago.

Na reunión tamén se abordou a harmonización dos albergues ao longo do Camiño e a promoción internacional conxunta da Ruta por parte das comunidades autónomas que integran o Consejo Jacobeo. En relación a este último punto acordouse impulsar un novo convenio de colaboración con Turespaña para realizar de forma conxunta accións de promoción no exterior.

Albergues de peregrinos
En canto aos albergues do Camiño, a directora explicou os cambios introducidos polo novo decreto do Goberno galego, publicado no Diario Oficial de Galicia en maio de 2016. Esta normativa clasifica este tipo de establecemento turístico en dúas categorías, de primeira e de segunda, eliminando a existente de unha, dúas e tres estrelas e que era coincidente coa das pensións.

Así mesmo, Nava Castro expuxo que se recoñece como nova categoría especial os albergues de peregrinos do Camiño de Santiago. Terán esta consideración aqueles que, situados nun radio de 3 quilómetros en torno ao Camiño de Santiago, non revistan ánimo de lucro e desenvolvan unha función hospitalaria de atención aos peregrinos. Quedan excluídos do ámbito de aplicación do decreto os albergues de peregrinos da rede pública xestionada polo Xacobeo e os integrados na rede de albergues de xuventude ou con fins escolares, docentes e sociais.

O decreto aborda, así mesmo, outras cuestións relativas á ordenación destes establecementos como o seu réxime de funcionamento, os servizos que deben prestar e a calidade das súas instalacións; os distintivos e a publicidade; os requisitos técnicos; disposicións sobre o exercicio da actividade; e o réxime sancionador.