Afirma que non é imprescindible falar de cifras porque hai galegos, con nomes e apelidos, que ilustran perfectamente a marca Galicia no económico; unha marca que desprende a determinación por saír adiante, a viveza para adaptarse ás necesidades e unha enorme capacidade de traballo
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, constatou hoxe que se está consolidando unha nova Galicia con emprendedores que innovan e internacionalizan e que asumen que as súas empresas deben amoldarse ás esixencias que o guión da modernidade vai marcando en cada momento.
Durante o acto de entrega de premios no marco do Foro Pyme Galicia 2016, que organiza o Banco Popular e a Corporación La Voz de Galicia, Feijóo incidiu en que os cinco recoñecementos que este acto acaba de formalizar son cinco exemplos de que Galicia soubo saír da crise. “Poñer en valor o que conseguimos entre todos non é unha cuestión optimista, senón realista”, afirmou.
Nese sentido subliñou que na nova Galicia hai emprendedores que innovan e en ámbitos tan importantes como a saúde, como fai Health in Code; hai emprendedores que inician proxectos e se sitúan á vangarda da biotecnoloxía no seu campo, como o da veterinaria que practica Embriovet; hai emprendedores que internacionalizan os seus negocios, como Gabadi para sortear a caída que houbo nos últimos anos en Navantia e que se puido reverter; hai emprendedores que prolongan unha longa historia familiar, como a do Grupo Darlim, que vai xa pola súa segunda xeración; e hai emprendedores que se apuntalan como referentes económicos como é o caso do Grupo Aluman, despois de 42 anos no sector.
A marca Galicia no económico
Feijóo afirmou que todos os premiados poñen de manifesto que non é imprescindible acudir ás estatísticas para darse conta de que Galicia está abríndose á recuperación de forma clara. “Non é imprescindible falar de cifras porque hai galegos, con nomes e apelidos, que ilustran perfectamente a marca Galicia no económico”, dixo, unha marca que desprende a determinación por saír adiante, a viveza para adaptarse ás necesidades e unha enorme capacidade de traballo.
Logo de resaltar que a estabilidade permitirá á Comunidade este ano crecer lixeiramente por riba da media nacional (2,8%) e reducir o desemprego un pouco máis do previsto (ata o 17%), o titular da Xunta asegurou que de nada serviría un tecido produtivo sen cadros de persoal esforzados e formados para dar o talle en cada sector. E, nesta liña, subliñou que grandes contratos como os logrados nos últimos meses no sector da automoción, no naval, no aeronáutico demostran que Galicia progresa economicamente grazas ao esforzo das pequenas e medianas empresas.
Ao longo da súa intervención, Feijóo trasladou a necesidade de progresar aínda máis para extraer todo o potencial da nosa terra e garantiu para elo o compromiso da Xunta: “imos seguir traballando con optimismo“, sentenciou.
O presidente da Xunta tamén se referiu á estabilidade financeira que conseguiu Galicia e sinalou que, se o o endebedamento de Galicia estivese na media, sería 3.000 millóns de euros superior que a cifra actual. Ademais, suporía pagar ao ano 100 millóns de euros máis en intereses, uns cartos que, segundo afirmou Feijóo, pódense dedicar a política social.