Saturday 16 de November de 2024

A Xunta subvenciona o programa ‘Neneiras’ da ONG Mestura, que busca favorecer a integración social das mulleres migrantes


Mestura é unha das sesenta entidades sociais coas que colabora Igualdade para facer programas de apoio a mulleres en situación de especial vulnerabilidade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe na clausura dun curso do programa ‘Neneiras’, que organiza a ONG Mestura para favorecer a integración social das mulleres migrantes.

Mestura é unha das sesenta entidades sociais que este ano foron subvencionadas pola Xunta para levar a cabo programas de apoio a mulleres en situación de especial vulnerabilidade. Desde que se iniciou, en 2010, o programa Neneiras recibiu 117.000 euros ao abeiro desta orde de subvencións, cos que se atenderon a máis de 400 mulleres.

O programa trata de incidir especialmente na triplo vulnerabilidade das mulleres migrantes con cargas familiares: como mulleres, como nais e como migrantes. Por iso a ONG aposta por darlle continuidade un ano máis e seguir impulsando medidas que favorezan a súa integración e melloren as súas condicións de vida familiar, social e laboral; entendendo sempre o emprego como a ferramenta principal para a súa integración.

‘Neneiras’ naceu hai sete anos como un programa integral destinado a mulleres xestantes e/ou con fillos e fillas menores de 3 anos. Este ano, como novidade, amplía o seu alcance e abarca tamén a aquelas nais que teñen fillos e fillas máis maiores, co obxecto de aumentar o radio de axuda.

O Programa está estruturado en torno a unha unidade de acollida e información, ao redor da cal funcionan unha unidade de inserción laboral e un programa de mellora da saúde psicoafectiva, que se configuran en tres unidades diferenciadas.

O Programa Ne: Nais empregadas, de orientación laboral e con servizos de apoio e asesoramento na busca de emprego, formación ocupacional, mediación laboral e autoemprego. O Programa Nei: Nais encamiñadas e informadas, cunha unidade de acollida, atención e acompañamento e un servizo de mediación intercultural, entre outros. E o Programa Ras: Recorrendo a saúde, específico par a mellora da saúde psicoafectiva.

En cada unha destas unidades proporciónase unha atención personalizada en base a un proxecto de integración deseñado en forma de folla de ruta e segundo as necesidade individuais de cada muller. A área de desenvolvemento do proxecto é o Consorcio das Mariñas, que é o ámbito de actuación da ONG ‘Mestura’,sendo o seu principal núcleo de actuación o Concello de Culleredo.

Integración social das persoas migrantes
A ONG Mestura é unha entidade sen ánimo de lucro que dende o ano 2003 responde a unha necesidade de potenciar a autonomía e a inserción social de colectivos vulnerables, especialmente do migrante, mediante un conxunto de accións destinadas a reducir as desigualdades sociais, culturais e de xénero e que os dote das capacidades necesarias para a transformación da súa propia realidade.

Con esta premisas, traballa nas áreas de Orientación sociolaboral; Formación e capacitación; Educación; Mediación intercultural; e Muller, infancia e familia; esta última a área na que se enmarca o programa ‘Neneiras’.

No acto desta mañá, ademais da titular de Igualdade da Xunta tamén participaron o alcalde do Concello de Cambre, Óscar García; a concelleira de Igualdade, Terceira Idade, Voluntariado e Educación, Mª Jesús Gómez; o concelleiro de Recursos Humanos e Servizos Sociais, Juan Evaristo Rodríguez; a presidenta de Mestura, Noura El Amrani Sbai; así como a coordinadora da ONG, Liliana Rodrigues, a responsable do Servizo de Conciliación, Rebeca Morandeira, e a responsable de Formación da ONG, Mª Carmen Chas.