Saturday 16 de November de 2024

A AXEGA colabora nos exercicios conxuntos de adestramento da Armada Española e a Marinha Portuguesa en augas do Río Miño


A Axencia despregou o seu Grupo de Apoio Loxístico e drons, que xa actuaran no mesmo lugar na busca dun mozo desaparecido o pasado mes de maio

A Axencia Galega de Emerxencias despregou hoxe ao seu Grupo de Apoio Loxístico e Unidade Operativa de Drons para participar en manobras conxuntas cos efectivos da Armada Española, do Ministerio de Defensa, destinados en augas internacionais do Río Miño.

Con este exercicio preténdese manter a xa estreita relación entre ambas institucións e ampliar o coñecemento da zona ante posibles intervencións conxuntas das institucións civís e militares. Ademais, mellora a coordinación para a salvagarda e seguridade dos cidadáns que se achegan ás augas ribeiregas desta zona a cabalo entre España e Portugal.

Neste sentido, hai que lembrar que esta “Raia” xeográfica converteuse en obxectivo especial da Axencia ao estar integrada dentro da zona ARIEM (Asistencia Recíproca Interrexional en Emerxencias), da que forman parte o Sur de Galicia e Norte de Portugal.

O exercicio encádrase dentro das actividades que a Comandancia Naval do Miño ten previstas con vistas á campaña estival que agora comeza, na que aumenta a afluencia de usuarios dos espazos acuáticos naturais, e a fin de garantir a súa seguridade. Para iso despregarán todos os recursos chamados a participar nunha hipotética intervención de emerxencia nestas augas internacionais.

Do mesmo xeito que nas últimas intervencións reais, e de acordo cos obxectivos citados, a Axencia terá nesta ocasión unha participación destacada no desenvolvemento do exercicio. Precisamente, o pasado mes de maio o Grupo de Apoio Loxístico da Axega xa participara na busca dun mozo desaparecido nesa zona.

Tendo en conta que a zona de intervención do dispositivo é responsabilidade compartida entre o Comandante Naval do Miño e o Capitán de Porto de Caminha está previsto que, ademais dos medios da Armada Española, participen medios da Marinha Portuguesa e da súa Policía Marítima.