Friday 22 de November de 2024

Frades convoca os seus campamentos de verán para nenos e nenas de máis de 4 anos, que terán lugar do 11 de xullo ao 8 de agosto


O Concello de Frades vén de convocar os seus campamentos municipais de verán para nenos e nenas maiores de 4 anos, que terán lugar do 11 de xullo ao 8 de agosto, en horario de 9:30 a 13:30 horas. Este ano os campamentos terán o seu centro de operacións no CPI Ponte Carreira, en vez de no multiúsos, con traslados puntuais a outras instalacións municipais (piscina de Papucín, campo de fútbol de Abellá…).

As familias interesadas en participar neste programa de conciliación deberán anotarse no Concello de Frades (981 695 567 ou 981 695 663) antes do 6 de xullo. Os prezos son de 25 euros para empadroados e de 35 euros para non empadroados pola primeira quincena do mes, cun desconto de 20 euros para o segundo irmán. No caso do mes completo, os prezos serán de 50 euros e 70 euros, respectivamente. Neste caso, o desconto por segundo irmán sería de 40 euros.

Os campamentos incluirán xogos, obradoiros, sesións de cociña, xardinería, sendeirismo, cancións, bailes e visitas á piscina de Papucín, con dúas festas de fin de quincena. Ademais, están previstos obradoiros de pulseiras, cupcakes, cociña e traballos manuais, así como diversas actividades deportivas e, como novidade, actividades en inglés. Os campamentos están organizados polo Concello de Frades, en colaboración coa Deputación da Coruña.