Tres estudantes do instituto ordense son seleccionados para formar parte deste proxecto matemático que selecciona os mellores talentos. Trátase do centro académico con maior número de participantes de toda a Comunidade
Andrea Caneda Pájaro, Manuel Rama Villasenín e Ana Rodríguez Blanco foron escollidos para participar na 10º edición do proxecto ESTALMAT Galicia. Estes tres estudantes do IES Maruxa Mallo (Ordes) forman parte do selecto grupo de 25 mozos e mozas seleccionados entre un total de 339 alumnos e alumnas matriculados en 23 centros académicos de 15 localidades galegas. Con todo isto sobresae o nivel do instituto ordense ao ser o que acada o maior número de estudantes que superan estas probas de altísimo nivel.
Promovido pola Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela (USC), o proxecto ESTALMAT Galicia ten como principal finalidade “a detección e o estímulo do talento en matemáticas. Trata de detectar e prestar atención a nenos e nenas talentosos que poden pasar inadvertidos ou quedar desatendidos nas esferas normais do ensino e da familia, desenvolvendo aspectos que permitan axudar a pensar en matemáticas, resolver problemas e gozar desta ciencia ao tempo que se canaliza o dito talento para mellor proveito da sociedade”, en palabras dos mesmos organizadores.
Os resultados obtidos no dito proxecto poñen de manifesto o alto nivel de coñecementos e a capacidade deste instituto ordense. Un éxito ao que hai que engadirlle o terceiro posto a nivel de Galicia no certame por equipos organizado pola Universidade de Santiago e o primeiro posto nun dos premios matemáticos organizados pola Fundación Barrié de la Maza.
Mulleres matemáticas
“É algo extraordinario e un verdadeiro gusto para todas e todos os que participamos no ESTALMAT Galicia ver resultados como os acadados polo IES Maruxa Mallo, con tres alumnos e alumnas que xa forman parte do proxecto. Ademais para min tamén é altamente satisfactorio que se trate de dúas rapazas, o que deixa claro que as mulleres tamén temos preferencia pola ciencia matemática”, asegura Elena Vázquez Cendón, coordinadora xeral e profesora do Departamento de Matemática Aplicada.