Saturday 16 de November de 2024

Música para mellorar a saúde


A Escola Galega de Saúde para a Cidadanía do SERGAS trouxo este luns a San Sadurniño un obradoiro, cando menos, distinto. En anteriores citas parecidas era persoal sanitario quen impartía unha charla sobre temas tan diversos como a ansiedade, a atención a persoas dependentes, o uso seguro de medicamentos… etc. Pero desta vez non. Desta vez foi un profesor de conservatorio quen impartiu un dos obradoiros máis animados de cantos se teñen visto na programación municipal. Non podía ser doutro xeito, posto que a música foi o fío condutor dunha actividade que mostrou de que maneira nos pode axudar a mellorar o noso estado de saúde.

Damián Cairo é profesor do Conservatorio Profesional de Música da Coruña e, ademais, unha persoa con dotes extraordinarias para a animación e para contaxiarlle optimismo á súa audiencia. Máis que á audiencia, ao seu público interactivo. E é que o obradoiro sobre musicoterapia que impartiu na Casa da Xuventude foi iso precisamente, interactivo, co obxectivo de que a vintena de asistentes descubirsen como erguer o ánimo a través da música e como empregala como mecanismo desinhibidor para exercitar o corpo e mellorar as relacións cos demais.

A dinámica de grupo arrancou cunha breve introdución ás diferenzas entre son, silencio, ruído e música xunto coa identificación de varios estilos musicais. O cometido da sesión era mostrar os beneficios da música para a mente e o corpo e por iso a asimilación de conceptos levouse ao terreo práctico con exercicios ben sinxelos: tocando instrumentos -maracas, xilófonos, axóuxeres…-, bailando e cantando. Pero tamén falando e comentando as sensacións de cada unha das persoas participantes.

Outro dos obxectivos do obradoiro foi o de aprender a usar a música como ferramenta para manter o equilibrio interior e mesmo como apoio á hora de fomentar a empatía con outras persoas. Neste sentido unha das partes máis sorprendentes da sesión foi a dun baile completamente libre ao ritmo de “Ao compás dunha muiñeira”, que actuou como liberador dos corsés e prexuízos sociais e, en definitiva, como exercicio para reafirmar a personalidade e os sentementos individuais sen que importe o “que dirán”.