Friday 22 de November de 2024

A III Gala do Deporte de Oroso distinguiu os mellores deportistas da tempada


O alcalde, Manuel Mirás, anticipa un incremento das axudas municipais ás entidades deportivas nos orzamentos do Concello para 2017

O Concello de Oroso recoñeceu os mellores deportistas locais da tempada na terceira edición do seu Día do Deporte. O acto, presidido polo alcalde, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey, distinguiu as mellores traxectorias deportivas e as promesas máis destacadas da tempada dos quince clubes deportivos do municipio, ademais de entregar un agasallo a todas as entidades deportivas e un recoñecemento a empresas que se significan pola súa contribución ao mundo do deporte local.

Manuel Mirás amosou na súa intervención o “grande orgullo de ser o alcalde dun concello no que tanta xente practica deporte”. O rexedor reafirmou que “o deporte é unha prioridade na acción política do noso goberno” e anticipou que, ademais da constante mellora e ampliación das infraestruturas deportivas, en 2017 o Concello incrementará as axudas ás entidades deportivas de Oroso “que por fortuna cada vez son máis”, manifestou o alcalde.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey, debullou as cualidades de cada un dos clubes cos que conta o municipio e felicitounos polos logros obtidos na tempada. Para o responsable municipal de Deportes, o curso que remata foi moi positivo en todas as disciplinas “tanto polos bos resultados como sobre todo pola elevada participación, que ao final é o éxito máis grande”. Rey, ao igual que o alcalde, agradeceu o traballo e o esforzo das familias, dos técnicos e das directivas dos clubes para que os nenos e nenas practiquen deporte.

Premiados

O Concello de Oroso entregou nove premios en catro categorías: mellor deportista do ano (Sara Gacio Cendal), recoñecemento á traxectoria ou dedicación ao deporte en Oroso (José Carlos Otero Álvarez, Amancio Espiñeira Raña e Gonzalo Goyzanes López), recoñecementos a empresas polo apoio ao deporte en Oroso (Supermercado Autoservicio Familia, Integral Motion Automoción e Autos Grabanxa) e recoñecemento especial ao club deportivo (Club Patín Oroso e Club Ximnasia Oroso).

A orosá Sara Gacio Cendal, de 14 anos e veciña de Deixebre, é subcampioa galega Cadete de Taekwondo e conseguíu a medalla de bronce en dúas ocasións coa Selección Galega de Taekwondo para o Open de España 2016 e o Campionato de España Cadete 2016. Uns méritos que lle valeron ser becada pola Federación Galega de Taekwond para acudir este verán ao campamento de verán “Soño Olímpico”.

Os tres distinguidos pola súa traxectorias deportivas foron: José Carlos Otero Álvarez, veciño de Oroso dende 2001 que leva dez anos ao frente da Delegación de Árbitros en Santiago. Foi árbitro durante 21 anos, chegando a acadar a categoría da 2ª División B, na que estivo oito tempadas. Tamén relacionado co mundo da arbitraxe, Gonzalo Goyanes López leva 32 anos dedicado ao mundo do fútbol. Con 13 anos converteuse en árbitro, chegando a militar dez anos en Terceira División e tres anos en Segunda División B. Dende o 2010 está vencellado á ED Xuventude Oroso, conseguindo nesta última temporada a fazaña de proclamar ao equipo Infantil campión da Liga Galega.

Os recoñecementos especiais de 2016 recaeron no Club Patín Oroso, cuxo presidente Fran García recolleu un premio pola promoción do deporte e colaboración con eventos deportivos municipais. O segundo recoñecemento pola súa labor e fomento do deporte de base recaeu no Club Ximnasia Oroso, recollido pola súa presidenta María Fernández.

Finalmente, o Concello de Oroso distinguíu a tres empresas polo seu apoio ao deporte no municipio: Supermercado Autoservicio Familia, recollido por Belén López, encargada de Familia en Sigüeiro; Autos Grabanxa, entregado ao seu xerente Javier Neira; e Integral Motion Autonoción, recollido polo seu xerente, Alfonso Taboada.

Distincións

Así mesmo, o Concello de Oroso entregou un agasallo a todos os clubs deportivos do municipio, como recoñecemento ao traballo que realizan en beneficio da veciñanza, ademais de representar a Oroso nas distintas competicións nas que participan. Os premiados foron: Club Leones Béisbol, Club Oroso Fútbol Sala, Club Escola Deportiva Xuventude Oroso, Club Taekwondo ITF Oroso, Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, Club Ciclista Tambre Bike, Club Oroso Motor Sport, Club Patín Oroso, Club Oroso Tenis de Mesa, Club Tambre Pitch & Putt, Club Xadrez Oroso, Club Ximnasia Oroso, SD Deixebre e Sigüeiro FC.

Finalmente, o Concello de Oroso fixo entrega de medallas para todos os integrantes dos distintos clubs deportivos, así como das escolas municipais de zumba infantil, tenis, running, ximnasia, pilates e zumba. O acto pechouse coa música do grupo “Unión y fuerza”.