O volei de San Sadurniño está collendo cada vez máis forza. A victoria do equipo sénior na Copa Príncipe e as actividades desenvolvidas polo club Aldebarán entre a comunidade escolar fixeron repuntar o interese da rapazada polo volei. Algo que se deixou notar na afluencia de público ás distintas competicións disputadas ultimamente no pavillón municipal e tamén nas solicitudes de información polas clases que ofrece o club dentro da escola municipal de deportes. Sabedor de que a base é o futuro, o Aldebarán dá agora un paso máis para promocionar a disciplina propoñendo unha especie de campus intensivo de voleibol para as mañás do mes de xullo. Trátase dunha idea a medio camiño entre a aprendizaxe deportiva e un servizo de conciliación que vén complementar cunha proposta distinta a Aldea de Verán do Concello. Porén, estes obradoiros tamén pretenden ser o gancho que axude a ampliar a canteira do Aldebarán.
O “Voleibol de Verán” desenvolverase entre o 1 e o 30 de xullo no pavillón municipal dirixido a idades comprendidas entre os 7 e os 14 anos. Os horarios van depender das preferenzas maioritarias das familias que inscriban os seus nenos e nenas, aínda que o que si está marcado xa é que a actividade se desenvolverá polas mañás, ben de 10 a 12h. ou ben de 11 a 14h.
A proposta ten por obxectivo promover a práctica do voleibol entre os nenos e nenas partindo desde cero, aínda que tamén está aberta a quen xa teña coñecementos. Búscase que a rapazada aprenda as regras e o funcionamento deste deporte xunto coas técnicas de control do balón e as distintas posicións na pista. Todo concibido máis como un xogo que como un adestramento propiamente dito, co que se pretende que os nenos e nenas participantes vaian colléndolle gusto pouco a pouco ao volei.
A intención do Aldebarán é ir avanzando durante todo o mes e chegar a formar varios equipos coa cativería inscrita. Equipos que, ao remate do “Voleibol de Verán” se enfrontarán nun pequeno torneo previsto para a última xornada deste campus. Tal e como comentaba esta mañá Manolo Seco -un dos históricos na formación dentro deste deporte en Galicia- “queremos que os nenos e nenas aprendan dun xeito divertido e tamén que as familias teñan unha posibilidade máis para conciliar o seu traballo coa atención aos pequenos mentres están de vacacións”.
Alén destas intencións, o club tamén ideou os obradoiros como un xeito de captar novo talento para a súa canteira sen limitarse só a San Sadurniño, posto que esta actividade está aberta tamén a xente de fóra do municipio.
O custe do “Voleibol de Verán” é de 30€ e para inscribirse abonda con cubrir a ficha que hai ao pé desta información e acompañala do xustificante do ingreso bancario (o número de conta figura na ficha). Para levar adiante a iniciativa, o Aldebarán conta coa colaboración do Concello e tamén do supermercado Maxi Pedroso, que botará unha man con trofeos, camisetas e outra loxística no torneo final.
Pódese obter máis información chamando aos teléfonos 636 728 186, 696 085 847 e 676 284 190, ou a través do correo electrónico do club: aldebaranvoleibol@gmail.com.
Viaxe a Portugal esta fin de semana
Para pechar temporada antes do descanso competitivo estival, os equipos de base do Aldebarán-Intasa viaxarán esta fin de semana a Viana do Castelo, onde participarán nun torneo organizado polo club de volei desta vila portuguesa. Trátase dunha competición 2×2 á que asistirán formacións de todo o norte de Portugal e á que o club de San Sadurniño acode como convidado. A expedición partirá o sábado pola mañá para pasar o resto da xornada visitando a vila da ribeira do Limia. Ao día seguinte, o domingo 26, será cando se dispute o torneo.
Segundo Manolo Seco, a viaxe responde ao interese do Aldebarán-Intasa en que “os nenos e nenas coñezan deportistas da súa idade coa afección común polo volei e que ao mesmo tempo poidan aprender uns dos outros”. Seco indica, ademais, que a iniciativa quere recuperar a colaboración que se mantivo no pasado co Voleibol Clube Viana e que, neste sentido, o club portugués devolverá a visita seguramente no mes de setembro.