Friday 22 de November de 2024

‘Talleres de apoio psicosocial para mulleres con discapacidade’ na Mancomunidade de Ordes


Desenvolveranse entre os meses de xuño e outubro nos baixos da Alameda. Achegaranse recursos e ferramentas para que as asistentes amplíen un coñecemento de si mesmas para deseñar o seu propio proxecto de vida
20 de xuño de 2016. O Centro de Información á Muller da Mancomunidade de Ordes (CIM) vén de anunciar a posta en marcha dunha nova iniciativa formativa e social que leva por título ‘Talleres de apoio psicosocial para as mulleres con discapacidade’. Terá unha duración total de 30 horas e impartirase conxuntamente coa Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia (ACADAR) entre os meses de xuño e outubro. Concretamente as sesións están previstas para os días 27 de xuño; 8,11,18 e 29 de xullo; 1 de agosto; 5,12,19,26 de setembro e 3 e 7 de outubro na aula de formación situada nos baixos da Alameda.
Dirixida especialmente a mulleres con discapacidade que queiran mellorar o coñecemento de si mesmas para deseñar o seu propio proxecto de vida, a dita actividade ten como obxectivos principais potenciar as capacidades e recursos para o desenvolvemento integral; favorecer o empoderamento e a expansión na liberdade de escoller e de actuar, así como incrementar o poder sobre os recursos e as decisións que afectan á súa vida.
Aquelas persoas que queiran ampliar información ou realizar calquera tipo de consulta poden dirixirse ao CIM da Mancomunidade de Ordes (981682108; cim@ordes.dicoruna.es) e a ACADAR (674139837; maria.luz.gal@cocemfe.es; http://www.acadar.org/).