Semella que vén aí o verán. Entrará oficialmente hoxe luns ás 22.34h., aínda que desde a tardiña do sábado xa empezamos a notar a calor e que a estación está ás portas vendo as ducias de fotos compartidas nas redes sociais desde as praias da comarca polas nosas amizades. Porén, ademais da praia, en San Sadurniño temos outras opcións, como a frescura das beiras do Castro e do Xubia ou os baños na piscina municipal, que tamén hoxe inicia temporada. Estará aberta ata o 11 de setembro e, ademais, nos meses de xullo e agosto ofrécense varias actividades na auga. Os bonos poden conseguirse na Casa da Cultura en horario de mañá, onde tamén podemos inscribirnos para os distintos cursos.
No que queda de xuño e nas primeiras dúas semanas de setembro a piscina abrirá de luns a venres para nado libre de 16 a 21h. e durante a fin de semana entre as 12 e as 21h. En xullo e agosto o horario pola semana amplíase unha hora, posto que o vaso permanecerá aberto desde as tres da tarde mantendo igual o horario de apertura da fin de semana.
Nos meses centrais do verán tamén se desenvolverán polas mañás os cursos de natación, aínda que cun horario que está por determinar. O que si se sabe é que os cursos comezarán o 1 de xullo e que o prazo para apuntarse xa está aberto. Tamén están definidas as quendas: iniciación e perfeccionamento desenvolveranse os luns, mércores e venres e a actividade de ximnasia na auga será os luns e mércores. Para que haxa cursos fará falla un número mínimo de persoas apuntadas.
As inscricións poden facerse na casa da Cultura de luns a venres entre as 8.30 e as 14.00. Tamén alí se poden adquirir os bonos para baños de toda a temporada, mentres que unha entrada solta poderá mercarse en calquera momento no bar da piscina.
Os prezos para cursos e baños varían con respecto ao ano pasado trala modificación da ordenanza que os regula. A novidade máis destacada é a ampliación das posibilidades de abono e tamén a diferenciación dos prezos para persoas empadroadas e non empadroadas.
Conceptos
Prezos
Entrada individual diaria de persoas adultas 3,16 €
Entrada individual diaria de persoas menores de 14 anos 1,59 €
Abono de tempada para persoas adultas empadroadas (maiores de 18 anos) 28,00 €
Abono de tempada para persoas adultas non empadroadas (maiores de 18 anos) 36,00 €
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales o 50% ou máis estean empadroados no Concello) 50,00 €
Abono de tempada familiar (ata 4 membros dos cales menos dos 50% estean empadroados no Concello) 60,00 €
Abono de tempada familiar, por cada persoa a partir da 5.ª (independente do empadroamento) 5,00 €
Abono mensual para cursos de natación para nenos e nenas empadroadas (ata 14 anos) 12,00 €
Abono mensual para cursos de natación para nenas e nenos non empadroados (ata 14 anos) 15,00 €
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos empadroadas no Concello 20,00 €
Abono mensual para cursos de natación para persoas maiores de 14 anos non empadroadas no Concello 25,00 €
O servizo do vaso e dos cursos estará xestionado pola empresa SEDEGA, á que o Concello lle adxudicou o contrato convocado hai unhas semanas, mentres que a cafetería levaraa Fernanda Leira, unha das dúas profesionais autónomas que presentaron oferta para facerse coa xestión. O Concello resolveu no seu favor tras revisar ambas propostas técnicas e económicas. No seu caso a oferta recollía, entre outras características, un canon de 500 euros, botar man de empresas provedoras locais -Queixos de Brigantia, Bohal, Panadería Inxerto, etc.-, un menú de pratos e petiscos con máis de 30 referenzas e un horario de apertura durante os sete días da semana desde as 10 da mañá ata o peche da instalación.