Friday 22 de November de 2024

A Xunta explica ao concelleiro de Servizos Sociais de Cambre o funcionamento do Programa de Vivendas Baleiras


Xa solicitaron a adhesión ao programa 27 concellos e outros 24 solicitaron información previa á solicitude de adhesión

O director xeral do Instituto Galego da Vivenda e Solo, Heriberto García Porto, e a secretaria xeral do mesmo, María Ángeles Domínguez, mantiveron unha reunión co concelleiro de Servizo Sociais de Cambre, Juan E. Rodríguez Vázquez, e a responsable técnica dos servizos sociais municipais, Ana Mª Monje Barcia, co obxectivo de explicarlle o funcionamento do Programa de Vivendas Baleiras posto en marcha pola Consellería de Infraestruturas e Vivenda no pasado mes de abril no marco do Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, alugueiro e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

O concello coruñés solicitou xa a adhesión ao devandito convenio. Na mesma reunión tamén se explicaron as 12 medidas postas en marcha pola Xunta de Galicia para evitar ou paliara os desafiuzamentos de vivendas.

O municipio poderá poñer en marcha os mecanismos de captación de vivendas baleiras para a súa inclusión no programa da Xunta de Galicia unha vez que se asine o correspondente acordo entre o IGVS e o concello adheríndose este último ao convenio asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Ata o momento xa son 27 os concellos de toda Galicia, que solicitaron formalmente a adhesión ao Programa de Vivendas Baleiras, entre os que destacan o de Ourense, que foi o primeiro en facelo a comezos do mes de maio e que xa asinou o convenio de adhesión o 6 de xuño, ou o de Santiago de Compostela, que solicitou a adhesión o 18 de maio. Outros 25 concellos, solicitaron do Executivo autonómico información previa á súa solicitude de adhesión ao convenio.

O Programa de Vivendas Baleiras permitirá, grazas ao convenio asinado entre o Goberno galego e a Fegamp, destinar vivendas baleiras de propiedade pública ou privada ao alugueiro social por parte de familias desfavorecidas.

As vivendas que se incorporen a este programa terán aseguradas, por parte da Consellería de Infraestruturas e Vivenda e sen custe para os propietarios, as seguintes coberturas:

1. Un seguro multirrisco do fogar, polo que quedarán cubertos todos aqueles danos sufridos pola vivenda durante a vixencia do arrendamento.

2. Un seguro da garantía do cobro da renda nas mensualidades impagadas polos arrendatarios e a asistencia e defensa xurídica dos arrendadores nos procesos de desafiuzamento ou reclamacións de cantidade por impago de rendas, que inclúa como mínimo os honorarios de avogado e dereitos e suplidos de procurador, cando a súa intervención sexa preceptiva, gastos notariais e de outorgamento de poderes para preitos e gastos de execución procesual. A garantía do cobro das rendas impagadas non poderá superar o período máximo de doce mensualidades.

Estas coberturas serán efectivas durante o tempo en que as vivendas permanezan arrendadas ao abeiro deste programa.

Concellos
Poderán acollerse a este programa os concellos que asinen o acordo de adhesión anexo ao convenio coa Fegamp. Os concellos adheridos proporán á Xunta a incorporación ao programa de vivendas baleiras da súa propiedade ou de terceiros, sempre que estean libres de cargas e gravames que impidan o seu arrendamento, ser conformes coa lexislación que lle sexa de aplicación, incluída a urbanística, estar desocupadas e ser susceptibles de uso, cando menos, desde o momento da solicitude de incorporación ao programa.

As vivendas incorporadas ao programa serán adxudicadas aos demandantes que cumpran os requisitos establecidos no convenio

Os concellos tamén proporán o procedemento de selección de arrendatarios e de adxudicación de vivendas respectando, en todo caso, os requisitos e prioridades sinalados no convenio coa Fegamp.