Saturday 16 de November de 2024

A Xunta aposta pola mediación intraxudicial na procura das mellores solucións para as partes afectadas nun conflito


A Escola Galega de Administración Pública acolle durante dous días o III Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica

A Escola Galega de Administración Pública acolleu esta mañá a inauguración do III Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica, no que participan 130 profesionais da psicoloxía, a pedagoxía, o traballo social e o dereito.

Na inauguración, o director xeral de Xustiza fixo fincapé no compromiso da Xunta de Galicia no fomento de medidas relativas á mediación intraxudicial. Este tipo de fórmulas permiten ter en conta o benestar emocional das partes directamente afectadas, procurando non só a resolución do caso xudicial concreto senón tamén das causas que o motivan; algo sumamente importante en áreas como a do Dereito familiar.

Juan José Martín tamén lembrou o apoio do Goberno galego a estas metodoloxías ao crear unidades de mediación en Dereito de familia nas sete cidades galegas, unha fórmula que está a dar bos resultados, como demostra que no 70% dos asuntos derivados á mediación polos xulgados galegos as partes en conflito están de acordo en acudir a primeira sesión informativa.

Pola súa parte, a directora da EGAP, Sonia Rodríguez-Campos, resaltou a importancia deste tipo de encontros, que permiten ofrecer formación para os profesionais implicados nesta materia e promover así a súa especialización, favorecendo unha actuación multidisciplinar que represente unha verdadeira oportunidade de mellora para a sociedade e a cidadanía.

Ademais, a directora da EGAP sinalou a xustiza como unha forza social capaz de producir comportamentos e consecuencias incidindo en que a lei pode aplicarse dunha maneira terapéutica, respectando valores como a xustiza ou o proceso en si pero ofrecendo unha visión máis enriquecedora que conxugue con éxito os factores legais xunto cos psicolóxicos, os emocionais e os humanos. Para conseguilo, incidiu, precísase un tratamento multidisciplinar que aglutine os coñecementos da psicoloxía, a psiquiatría, a criminoloxía, o Dereito ou o traballo social para así poder garantir a prestación dunha mellor atención ás vítimas, unha adecuada reparación dos anos, unha diminución da reincidencia e a prevención dos delitos.

Para Sonia Rodríguez-Campos este proceder permitirá aos profesionais buscar maneiras menos daniñas de resolver os conflitos, como por exemplo a través da mediación, unha fórmula que a EGAP vén apoiando nos últimos anos a través de actividades formativas para o persoal da Administración de xustiza.

O III Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica
A Escola Galega de Administración Pública é o escenario hoxe e mañá do III Congreso Iberoamericano de Xustiza Terapéutica, ao que asisten ao redor de 130 profesionais do dereito, a psicoloxía, a pedagoxía ou o traballo social.

Este encontro ten como finalidade fomentar o estudo das normas e procedementos legais, así como a actuación de todos os axentes involucrados, co obxecto de desenvolver leis, procedementos e roles legais que contribúan ao benestar emocional e psicolóxico das partes directamente afectadas, así como da cidadanía en xeral.