Saturday 23 de November de 2024

A Xunta destaca o papel fundamental das universidades para conseguir un maior equilibrio entre homes e mulleres


As titulares de Igualdade e Emprego, Susana López Abella e Covadonga Toca, participaron no XV Concurso de ideas empresariais innovadores da USC

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou esta mañá na entrega dos premios do XV Concurso de ideas empresariais innovadoras da USC, nos que destacou o papel fundamental das universidades para conseguir un maior equilibrio entre homes e mulleres.

López Abella explicou que as actuacións desde a perspectiva de xénero no ámbito social, tecnolóxico e educativo son estratéxicas para avanzar cara un modelo de sociedade máis xusta e acorde ás necesidades actuais. Por iso, agradeceu á USC que un dos criterios de valoración das ideas presentadas, por parte do xurado fora o de ter en conta as políticas de igualdade, xa que outorgáronse á ideas presentadas por mulleres dous dos cinco premios convocados.

A secretaria xeral tamén lembrou que desde a Xunta se aposta por fomentar as iniciativas empresariais promovidas por mulleres e baseadas en fórmulas de promoción do autoemprego, xa que resultan eficaces para a xeración e o mantemento dos postos de traballo. Igualdade conta neste ámbito con varias liñas de actuación, entre as que destaca o programa Emega.

O programa Emega, para o fomento do emprendemento feminino, se vén desenvolvendo exitosamente co obxectivo de dar apoio económico ao emprendemento feminino e á consolidación de proxectos empresariais liderados por mulleres como medio axeitado para a súa promoción, participación e progresión no mercado laboral.

Dende o ano 2009 a Secretaría Xeral da Igualdade leva investidos neste programa arredor de catro millóns de euros, o que permitiu crear case 500 postos de traballo feminino en Galicia. López Abella indicou que é necesario potenciar unha participación máis ampla e diversa das mulleres no desenvolvemento económico e social de Galicia, fomentando ao mesmo tempo unha organización empresarial máis comprometida coa igualdade de xénero.

Creación de emprego estable e de calidade
Pola súa banda, a secretaria xeral de Emprego, Covadonga Toca, salientou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é a creación de emprego estable e de calidade, tal e como está fixado na Axenda 20 para o Emprego, a nova planificación da Xunta en materia laboral para apoiar o cambio cara o novo modelo produtivo de Galicia.

Deste feito, indicou que a Administración está a apoiar os proxectos empresariais prestando especial atención aos de innovación, xa que afirmou que a intención da Xunta é que “toda idea que sexa viable consiga o apoio necesario para converterse nunha realidade”. Para iso, a Xunta destina este ano 40 millóns de euros para promover o emprendemento a través de diferentes programas e axudas dirixidos aos autónomos ou a promover a Economía Social.

Proxectos Empresariais Innovadores
O XV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras está organizado pola USC, a través da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da Universidade de Santiago de Compostela (AVTE) e en colaboración coa súa incubadora, Uninova, e conta dende o seu inicio coa participación activa da Xunta de Galicia.

O obxectivo do concurso é premiar a aqueles emprendedores e emprendedoras que presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo.

Entre as 147 ideas que se presentaron nesta edición, só cinco foron galardoadas. “Corrector adaptativo de astigmatismo para oculares de SoL4Optics” e “Sistema de secado de sangue líquido para a súa depuración e aproveitamento económico” na categoría Ideas baseadas en Traballos de Investigación desenvolvidos en grupos da USC. E as ideas “Greenaqualture, solucións acuapónicas”, “Creative Loading, xogo creativo” e “Memmory assistant” na categoría Ideas de calquera outro tipo.