O obxectivo é preservar e poñer en valor a carne procedente destes animais, a través dunha iniciativa promovida polo sector e pola IXP Ternera Gallega
A Xunta apoia a creación dunha Indicación Xeográfica Protexida (IXP) para a carne de Vaca e Boi de Galicia, unha iniciativa promovida polo sector de vacún de carne galego e polo Consello Regulador da IXP Ternera Gallega que ven de recibir o respaldo da directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo. O obxectivo desta IXP é preservar a carne de calidade procedente das vacas e bois da nosa comunidade. Este produto obtense das principais razas existentes no noso territorio, que son a Rubia Galega, Morenas Galegas, Asturiana de los Valles, Limusina, Rubia de Aquitania e Frisona, así como os cruces entre elas.
Para cumprir as condicións da Indicación Xeográfica Protexida, a carne deberá presentarse madurada e refrixerada, sen que poida ser conxelada en ningún momento ao longo do proceso de obtención e comercialización. A carne amparada procederá de vacas que tiveran polo menos unha xestación antes do sacrificio e de bois castrados antes do ano de vida que superen cando menos os 48 meses de idade ao sacrificio. Tamén se valorará que o grao de engraxamento, a conformación e as características organolépticas sexan os axeitados e típicos deste tipo de carnes.
Segundo o acordo, a nova Indicación Xeográfica Protexida abarca a totalidade do territorio galego. Os animais deben nacer, criarse, engordarse, sacrificarse e despezarse en Galicia, co obxectivo de preservar a orixe, a especificidade e controlar as condicións de obtención do produto. Cada fase do proceso e tipoloxía de carne constará dun etiquetado concreto.
Consello regulador único
Así mesmo, está previsto o establecemento dun Consello Regulador das IXPs de Carne de Vacún de Galicia, que se ocupará da xestión e control das carnes amparadas pola IXP Ternera Gallega e pola IXP Vaca e Boi de Galicia, baixo criterios de coordinación, aforro de custos e operatividade sectorial.