A ministra de Fomento, o vicepresidente da Xunta, a directora de Turismo de Galicia, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra e os presidentes da Autoridade Portuaria de Vigo e de Portos de Galicia realizaron a ruta “Tesouros das Rías de Galicia”
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, enxalzou os cruceiros costeiros como reclamo turístico para posicionar Galicia como destino náutico internacional. Nesta liña, a directora explicou que a Comunidade, con 1.659 km de costa e 16 rías, conta con todos os requisitos para acadar este logro.
A directora de Turismo de Galicia fixo hoxe estas declaracións con motivo da viaxe en barco que realizou pola ruta “Tesouros das Rías de Galicia”, xunto coa ministra de Fomento, Ana Pastor, co vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Touris, co presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Enrique López Veiga, e co presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.
A ruta que realizaron forma parte dun dos dous itinerarios dos cruceiros costeiros Nea Galicia, xunto co de “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, que o Goberno galego puxo en marcha para coñecer a fondo as Rías Baixas a través de paquetes organizados. Así, Nava Castro describiu a iniciativa como unha gran oportunidade para Galicia de cara a ser referencia europea en cruceiros costeiros de escalas en terra.
O servizo supón unha oferta innovadora que permite vivir as rías galegas durante sete meses ao ano, aproveitando os barcos de transporte turístico e as empresas de chárter náutico. Ademais, ao ser cruceiros de 3 ou 6 días, implican o aloxamento en hoteis da zona e demanda de outros servizos turísticos como a gastronomía ou a enoloxía.
A Xunta de Galicia impulsa esta iniciativa co obxectivo de contribuír a diferenciar a Comunidade como destino, desestacionalizar a demanda e captar novos fluxos turísticos que redunden positivamente nas economías locais.
“Tesouros das Rías de Galicia” e “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”
A ruta que hoxe percorreron, “Tesouros das Rías de Galicia”, constitúe o primeiro cruceiro costeiro en ferri e veleiro de Galicia, acreditado pola Carta de Calidade Europea NEA. Ten unha duración de tres días nos que percorre 80 millas para dar a coñecer os tesouros naturais, patrimoniais, enogastronómicos e históricos das rías de Vigo, Pontevedra e Arousa. Ten saída dende Vigo e fai escalas nas illas de San Simón e Cíes, finalizando en Baiona no seu primeiro día.
Na segunda xornada vista as Illas Cíes, Parque Nacional e que ten a mellor praia do mundo segundo The Guardian, e inicia o Camiño de Santiago pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, descubrindo tamén a Ruta da Camelia, na contorna do viño Albariño Rías Baixas.
Para finalizar, no seu último día, o visitante pode coñecer a península do Grove, as Illas Ons, a Illa de Arousa, todo dentro do Camiño de Santiago pola Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla, con escala en Boiro e Vilanova de Arousa e finalizando en Vilagarcía de Arousa desde onde, opcionalmente, se permite visitar Santiago de Compostela ao día seguinte.
O outro itinerario, “Illas Atlánticas e vilas mariñeiras”, amosa un dos grandes atractivos turísticos que ofrece Galicia, o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, e tamén a tradición, cultura e paisaxe das vilas mariñeiras galegas. O cruceiro sae dende Sanxenxo para visitar Pontevedra, a Illa de Ons, Bueu, Combarro, A Toxa, Cambados, Ribeira, Vilanova de Arousa, A Pobra do Caramiñal, Vigo, as Illas Cíes, Baiona, Rande e San Simón.