19 localidades de Galicia con aula CeMIT ofertan preto de 300 prazas para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos intelixentes
A Fundación Vodafone vén de formalizar a súa adhesión como aliado dixital ao Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020, que desenvolve a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Como resultado desta alianza, ambas entidades puxeron en marcha este mes a segunda edición do proxecto “Aprende a usar o smartphone” para introducir ás persoas maiores no manexo dos teléfonos móbiles intelixentes.
A actividade, que se prolongará ata novembro, chegará a 19 aulas da Rede que ofertan preto de 300 prazas. Cada un dos centros CeMIT que participan nesta iniciativa disporá de diversos terminais telefónicos para facilitar a aquelas persoas que non dispoñan deles o seu manexo. Ademais, os participantes recibirán unhas guías en papel que recollerán dunha forma visual sinxela as operacións básicas (acender, chamar, gardar números, etc) así como exemplos de aplicacións básicas e de interese este colectivo.
As aulas implicadas disporán, tamén, dunha serie de vídeo pílulas formativas breves e moi prácticas, que servirán de material de apoio audiovisual á hora de formar dunha maneira fácil e á medida da persoa interesada.
As vantaxes que ofrece o uso destes teléfonos para as persoas maiores son moitas en aspectos relacionados coa súa seguridade (xeolocalización, teleasistencia…); coa posibilidade de gozar novas formas de lecer (lectura, música, libros, xogos, turismo, museos, monumentos, cultura, gastronomía, TV…); con novas posibilidades de relacionarse cos demais (redes sociais, intercambio de fotos e vídeos, mensaxería por Internet,…); cun acceso máis rápido a información (noticias e prensa on-line…), aplicacións de servizos xerais (accesibilidade, administración electrónica, m-saúde), en calquera lugar e a calquera hora.
Localidades e inscrición
As persoas interesadas en asistir aos cursos poden consultar as datas e formalizar a súa inscrición na páxina web da rede CeMIT (http://cemit.xunta.gal), onde tamén atoparán os datos de contacto de cada unha das aulas para resolver ás dúbidas que poidan xurdir.
As 19 localidades que ofertan estas actividades son:
Concello Provincia
Coruña, A Coruña, A
Cerceda Coruña, A
Ortigueira Coruña, A
Pontes, As Coruña, A
Santa Comba Coruña, A
Sigüeiro – Oroso Coruña, A
Vimianzo Coruña, A
Barreiros Lugo
Carballedo Lugo
Sarria Lugo
Manzaneda Ourense
Verín Ourense
Xunqueira de Ambía Ourense
Cuntis Pontevedra
Guarda, A Pontevedra
Ponteareas Pontevedra
Porriño, O Pontevedra
Valga Pontevedra
Vigo Pontevedra
Fundación Vodafone
A Fundación Vodafone España é unha institución sen ánimo de lucro que contribúe ao impulso da innovación e a utilización das TIC para mellorar a calidade de vida das persoas e, especialmente dos colectivos vulnerables. Participa en proxectos de innovación tecnolóxica nacionais e europeos, dirixidos a investigar novas aplicacións das comunicacións móbiles que faciliten a vida a persoas dependentes, maiores e enfermos crónicos.
Plan de Inclusión Dixital de Galicia 2020 – Aliados Dixitais
O Plan de Inclusión Dixital é a estratexia da Xunta de Galicia para impulsar un novo modelo de inclusión dixital, que integra as accións para a alfabetización dixital con outras que permitan a calquera persoa, independentemente do nivel dixital no que se atope, avanzar, madurar e acceder a maiores niveis de coñecemento e uso das TIC, camiñando cara a innovación social dixital.
A Amtega está a desenvolver as iniciativas desta estratexia en colaboración cos axentes do ecosistema dixital, os aliados dixitais do Plan. O pasado 29 de abril, publicouse a Resolución que permite que todas as entidades, empresas, asociacións, etc interesadas en participar neste eido poidan adherise coma aliados dixitais a través dun proceso telemático na sede electrónica da Xunta de Galicia.