Friday 22 de November de 2024

Xunta e CETMAR colaboran para consolidar a actividade acuícola en Mozambique e reforzar a súa investigación pesqueira


O Goberno galego achegará 105.500 euros a un proxecto de cooperación que contribuirá á loita contra a pobreza na provincia de Cabo Delgado

A Vicepresidencia da Xunta e a Fundación CETMAR veñen de asinar un convenio de colaboración para levar a cabo un proxecto de cooperación en materia pesqueira e acuícola en Mozambique, que contará cun orzamento de 105.500 euros.

O proxecto terá como obxectivo contribuír á loita contra a pobreza, mellorando as condicións de vida e seguridade alimentaria das comunidades rurais e áreas costeiras, a través do aumento das fontes de ingresos sostibles na provincia de Cabo Delgado, Mozambique.

Dende o ano 2012, a Dirección Xeral de Relacións Exteriores e coa UE vén apoiando diferentes proxectos en materia de pesca e acuicultura en Mozambique que son executados pola Fundación CETMAR.

Estas intervencións permitiron estreitar os lazos de traballo conxunto entre o CETMAR e as diferentes administracións pesqueiras mozambiqueñas, en especial co actual Instituto Nacional de Desenvolvemento de Pesca e Acuicultura (IDEPA) e o Instituto Nacional de Investigación Pesqueira (IIP).

Froito da boa relación entre a Fundación CETMAR e a Dirección Xeral de Relacións Exteriores, así como da experiencia do traballo conxunto con diferentes institucións en Mozambique, nos anos 2012, 2014 e 2015 desenvolvéronse proxectos de apoio e fortalecemento da acuicultura rural e das capacidades de investigación das súas institucións.

III Plan Director da Cooperación Galega 2014-2017
O acordo pretende dar cumprimento aos compromisos do III Plan Director da Cooperación Galega, que avoga pola especialización da Cooperación Galega naqueles sectores nos que conta con valor engadido e vantaxes comparativas, como son a pesca e a acuicultura; e recolle que Mozambique é un dos dez países prioritarios da Cooperación Galega.

Así mesmo, tamén da cumprimento ao Plan Anual da Cooperación Galega para o Desenvolvemento 2016, onde, entre outros asuntos, se sinala a necesidade de potenciar a coordinación de actuacións entre os distintos departamentos da Xunta e se destaca a colaboración coa Fundación CETMAR para este tipo de actuacións.