Ata o 2 de xullo a Biblioteca de Santiago Ánxel Casal acollerá esta mostra promovida por Cultura e Educación e pola Casa-Museo do autor
A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal convida estes días a se achegar á figura e á obra do escritor homenaxeado coas Letras Galegas 2016 a través da exposición itinerante ‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso’, que se pode visitar desde hoxe na capital galega.
Logo do seu paso pola Coruña, por Outeiro de Rei e por Vilalba, esta mostra divulgativa promovida pola Consellería de Cultura e Educación e pola Casa-Museo Manuel María chega agora á cidade compostelá, onde permanecerá ata o vindeiro 2 de xullo para difundir a traxectoria vital e literaria do poeta da Terra Chá.
Dun xeito ameno e gráfico, a exposición aborda a personalidade do autor e a evolución da súa obra ao longo das distintas etapas vitais. Faino a través de 10 paneis –elaborados a partir do material achegado pola propia Fundación Manuel María–, que se complementan cun folleto informativo sobre a figura, a vida e a obra do escritor. A identificación do poeta coa terra e a paisaxe, o seu compromiso coa lingua galega, a súa faceta de clásico e precursor da vizosa literatura infantil galega da que hoxe gozamos, a súa participación na vida política, a súa poesía intimista ou a variedade de xéneros literarios son algúns dos aspectos nos que afonda a mostra.
Esta iniciativa enmárcase na programación de actividades conmemorativas das Letras Galegas 2016 posta en marcha desde a Xunta de Galicia, por iniciativa conxunta da Consellería de Cultura –a través das secretaría xerais de Cultura e de Política Lingüística– e mais da Casa-Museo Manuel María.
Próximas paradas
Ata finais de ano, a mostra realizará outras nove paradas en centros da Rede de Bibliotecas de Galicia e de concellos da Rede de Dinamización Lingüística das catro provincias galegas. No mes de xullo, chegará a Marín (do 5 ao 16, no Museo Municipal Manuel Torres) e a Noia (do 18 ao 2 de agosto, na Casa da Cultura); en setembro, a Pontevedra (do 1 ao 14, na Biblioteca Pública Antonio Odriozola) e a Vigo (do 16 ao 2 de outubro, no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia); en outubro, a Monforte de Lemos (do 4 ao 17, na Casa da Cultura) e a Lugo (do 19 ao 31, na Biblioteca Pública); e, en novembro, a Ferrol (do 3 ao 15, na Biblioteca Pública) e a Ourense (do 17 ao 30, no Ateneo).
‘Manuel María. Beleza, amor e compromiso (1929-2004)’ concluirá a súa itinerancia no derradeiro mes do ano en Celanova (do 2 ao 18 de decembro, na Casa dos Poetas).
Máis información e materiais neste enlace do Portal da Lingua Galega e na Axenda de Cultura de Galicia, a través da web www.cultura.gal.