O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, participou hoxe en Santiago na apertura da Xornada de Empresas Saudables
O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou en Santiago o impulso que a Xunta está a realizar para fomentar medidas de seguridade e saúde no traballo e favorecer a Responsabilidade Social Empresarial nas pemes.
O titular do departamento autonómico participou na apertura da Xornada de Empresas Saudables, que organizan a Sociedade de Prevención de Riscos Laborais, a Sociedade Galega de Medicina do Traballo e a Asociación de Dirección e Desenvolvemento de Persoas en Galicia (Aedipe), na que salientou que a promoción da saúde no traballo, tanto no que se refire a políticas de prevención de riscos laborais como de responsabilidade social corporativa, é un labor conxunta no que deben estar implicados tanto as administracións como as empresas, os traballadores e os axentes sociais.
Conde indicou que a Administración autonómica no marco da Axenda 20 para o Emprego está a traballar nas estratexias de Seguridade e Saúde Laboral e de Responsabilidade Social Empresarial para seguir incidindo e fortalecendo as accións que xa está a levar a cabo nestes eidos como son a realización de análise, investigación, información, promoción, apoio e asesoramento técnico na prevención de riscos laborais e o desenvolvemento de medidas neste ámbito, con especial atención a sectores, colectivos e empresas con maior risco. Así mesmo, estase a facer fincapé no control do cumprimento da normativa e reforzando a formación neste ámbito.
En canto á planificación en RSE, Conde sinalou que a Xunta está traballando para incentivar ás pemes para que se acrediten como empresa segura, saudable e sostible e está a apoiar ás empresas para fomentar a formación e innovación en materia de prevención de riscos.
O titular de Economía explicou, así mesmo, que o Goberno galego está apostando para que os servizos de prevención, responsables da vixilancia da saúde nas empresas, fomenten hábitos saudables entre os seus traballadores e traballadoras como é a incorporación de programas de actividade física nas compañías. A Xunta, ademais, está levando a cabo actividades encamiñadas ao envellecemento activo e traballa para ofrecer formación específica aos profesionais de medicina no traballo, técnicos de prevención de riscos laborais e recursos humanos.
Conde, en definitiva, resaltou que o obxectivo prioritario do Goberno galego é que as empresas galegas sexan saudables e, para iso, lembrou que nos últimos anos a Xunta apoiou a 150 pemes para implantar medidas de RSE.