Sunday 24 de November de 2024

Charla informativa en Ordes sobre a inspección técnica de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios


Terá lugar este próximo venres nos baixos da Alameda e vai dirixida tanto ao público xeral como a profesionais do sector gandeiro, agrícola e forestal

O próximo venres, 17 de xuño, terá lugar unha xuntanza na que se ofrecerá información sobre a inspección técnica de equipos de aplicación de produtos fitosanitarios. O lugar será a aula de formación dos baixos da Alameda ás 20 horas, e está dirixida tanto a público xeral como a profesionais do sector. Tamén está especialmente pensada para aqueles negocios e establecementos relacionados co sector agrícola, gandeiro ou forestal.

Esta charla será ofrecida pola empresa Nagar Servizos Ambientais, que tamén será a encargada de realizar as inspeccións da maquinaria no municipio. A dita inspección terá lugar o 30 de xuño na explanada do campo de fútbol de Vista Alegre. Están obrigados a realizala, antes do 26 de novembro de 2016, todos os equipos en uso que teñan cinco o máis anos de antigüidade dende a súa primeira adquisición. Inclúense pulverizadores hidráulicos (equipos de barras), hidropneumáticos (atomizadores), pneumáticos (nebulizadores) e centrífugos, así como empoadores. Tamén os equipos instalados no interior de invernadoiros e outros locais cerrados, así como os de aplicación instalados en aeronaves. Exclúense os pulverizadores de mochila e de arrastre manual (carretilla) con depósito de 100 litros ou menos.

Cita previa
Para poder levar a cabo a inspección é imprescindible que a máquina estea inscrita no rexistro oficial (ROMA), que esta estea limpa e en boas condicións para o seu uso, e que a árbore de transmisión estea correctamente e coas proteccións obrigatorias. Para reservar cita previa pódese contactar coa mesma empresa no teléfono 981792519. Tamén se pode facer contactando con calquera das entidades colaboradoras que aparecen na listaxe da páxina web www.nagarservicios.com/iteaf, a que se espera ver ampliada con empresas e establecementos da zona a partir do vindeiro venres.