O salón de actos do IES de Brión quedou pequeno para acoller o acto de graduación dos 26 alumnos e alumnas de Segundo de Bacharelato, que veñen de afrontar os exames de Selectividade. Un acto no que participaron o alcalde de Brión, José Luís García, e o director do IES de Brión, José Antonio Caneda.
O director do centro entregou un diploma acreditativo da concesión dunha Matrícula de Honra á alumna Minia Grobas, así como varias Mencións Especiais ao alumnado con excelente expediente académico. Antonio Dubert, como representante do alumnado, explicou que no IES Brión “aprendemos a enfrontarnos mellor ás cousas. Sabiamos que era un curso complicado e que había que madurar. Agora, independentemente das notas, todos estamos un pouco máis preparados para enfrontarnos a un novo reto fóra do instituto”.
O alcalde brionés comezou a súa intervención agradecendo o traballo realizado polo profesorado e equipo directivo do IES Brión, así como polas familias dos rapaces e rapazas que se gradúan este ano. Finalmente, García felicitou ao alumnado “por un traballo ben feito. Sei que agora comezades unha nova e ilusionante etapa das vosas vidas e eu vouvos dar un único consello: non deixedes que os vosos medos se impoñan aos vosos desexos. Sei que con isto da crise económica parece que o mundo se estea desmoronando aí fora. Pois precisamente por iso é o momento de confiar na boa formación que recibistes aquí dentro”.
Finalmente, José Antonio Caneda agradeceu a colaboración do Concello de Brión e o traballo das familias, a quen lembrou que “isto non remata aquí, isto segue e tendes que seguir animando e apoiando”. Caneda lembroulles aos rapaces e rapazas que todo pasa polo esforzo, a constancia e o traballo. “Formádevos o mellor posible. Buscade o voso lugar e loitade polo que consideredes xusto”, aconsella o director do IES Brión.