A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) abriu o prazo de inscrición no curso de teleformación para a obtención da certificación galega de competencias dixitais en ofimática. Así se recolle na convocatoria publicada hai uns días no DOG, con 180 prazas para o curso preparatorio previo ao exame presencial que terá lugar a finais do mes de novembro. Para obter máis información pódese facer unha consulta na web da Amtega ou ben dirixirse á Aula CeMIT de San Sadurniño: no teléfono 616 016 793 ou no correo cemit.sansadurnino@xunta.es.
Os únicos requisitos de acceso a este curso son ter máis de 16 anos, estar de alta como persoas usuarias da rede CeMIT e abonar a taxa correspondente aos dereitos de exame. O curso de preparación impártese na modalidade de teleformación con titorías de apoio, polo que soamente será necesario contar cun ordenador persoal e conexión a internet para seguir a formación dende calquera lugar e en calquera momento.
O prazo de inscrición será de cinco días hábiles partir do seguinte da publicación da convocatoria no DOG, é dicir, dende o xoves 9 de xuño ata o martes 14 de xuño incluído. Unha vez finalizado o prazo de inscrición, publicarase a relación provisional de persoas admitidas na páxina web da rede CeMIT así como un número adecuado de reservas, unha vez realizado o sorteo público de extración das letras dos apelidos para a establecer a prelación por orde alfabética. As persoas admitidas deberán aboar no prazo de cinco días hábiles desde a data da publicación na web da relación provisional a taxa de 10 euros correspondente aos dereitos de exame, sendo excluídos aqueles aspirantes que non aboen a citada taxa.
Contidos do curso
Durante as 12 semanas de duración deste curso, as persoas matriculadas formaranse nos contidos que compoñen o Plan Formativo Ofimático de Galicia, composto actualmente polas cinco unidades nas que se estrutura o módulo formativo MF0233_2 «Ofimática» (190 horas) do Repertorio Nacional de certificados de profesionalidade:
• Sistema operativo, busca da información: internet/intranet e correo electrónico (30 horas)
• Aplicacións informáticas de bases de datos relacionais. LibreOffice Base (50 horas)
• Aplicacións informáticas para presentacións: gráficas de información. LibreOffice Impress (30 horas)
• Aplicacións informáticas de tratamento de textos. LibreOffice Writer. (30 horas)
• Aplicacións informáticas de follas de cálculo. LibreOffice Calc (50 horas)
Próximas convocatorias de exames presenciais
Esta convocatoria forma parte do Plan de Formación da rede CeMIT para este ano 2016. Ademais destes cursos preparatorios, realizarase ao longo do último semestre do ano unha nova convocatoria de exames presenciais en outubro para aqueles cidadáns que xa posúan os coñecementos necesarios ou que opten pola modalidade autoformativa, ata chegar a un total de 1.000 prazas dispoñibles para que a cidadanía poida acreditar as capacidades, destrezas e coñecementos en ofimática definidos no plan.