Saturday 16 de November de 2024

A Consellería de Cultura e Educación oferta na provincia da Coruña 12.385 prazas públicas en primeiro curso de ciclos de FP para 2016/2017


O vindeiro ano académico arrincarán 6 ciclos de FP Dual na provincia

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de poñer a disposición da cidadanía no portal educativo http://www.edu.xunta.es/fp/ o borrador das ordes de oferta de ciclos formativos para o curso 2016/2017, a través do que se ofrecen na provincia da Coruña 12.385 prazas en primeiro curso en centros públicos, en 492 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 8.865 forman parte do réxime ordinario – 3.598 en grao medio, 3.803 en grao superior e 1.464 en FP Básica-, mentres que outras 1.989 son do réxime modular para persoas adultas – 962 en grao medio e 1.027 en grao superior-, 1.000 do réxime modular a distancia – 450 en grao medio e 550 en grao superior-, 211 en FP Dual – 57 en grao medio e 154 en grao superior-, e outras 320 en programas formativos para persoas con necesidades específicas de atención educativa.

En toda Galicia a oferta ascende a 29.337 prazas en primeiro curso en centros públicos (un incremento de aproximadamente o 2,5%), en 1.164 ciclos e programas formativos autorizados.

Esta oferta avanza na implantación dos ciclos adaptados ao Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais e ás necesidades do sistema produtivo galego, ao tempo que se axusta á demanda analizada de anos anteriores e á do mercado laboral, unha das claves para a empregabilidade dos titulados na FP galega. Neste sentido cómpre lembrar que a Consellería mantén un contacto constante co tecido socio-produtivo de cada comarca para dar resposta á demanda de titulados que solicitan as empresas, o que redunda nunha maior facilidade para que o alumnado da FP galega acceda a un posto de traballo ao rematar os seus estudos.

Aposta pola FP Dual
A oferta incorpora as súas principais novidades na FP Dual. Deste xeito no curso 2016/2017 arrincarán 6 ciclos de FP Dual na provincia, 4 deles completamente novos, mentres que o restante son reedicións dos convenios asinados con empresas en anos anteriores, que decidiron repetir a experiencia ao considerala positiva.

Deste xeito, serán novas as iniciativas de FP Dual no ciclo de grao superior en Dirección de cociña, no coruñés CIFP Paseo das Pontes (con Arlea Hotels); no de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no IES Urbano Lugrís da Coruña (con Gas Natural Fenosa); no de grao superior de Elaboración de produtos alimentarios, no CIFP Coroso de Ribeira (con SALICA); e no de grao superior en Sistemas electrotécnicos e automatizados, no CIFP Politécnico de Santiago (con Arlea Hotels).

No referido ás reedicións, comezarán no vindeiro curso novas promocións do ciclo de grao superior en Xestión de aloxamentos turísticos, no CIFP Compostela (con Arlea Hotels); e do de grao superior en Dirección de Servizos de Restauración, no CIFP Paseo das Pontes da Coruña (con Paradores).

Alumnado con necesidades especiais
No referido aos programas formativos básicos dirixidos a persoas con necesidades específicas de atención educativa, como novidade destaca a implantación dos novos PFB de Limpeza de Edificios (no IES Catabois de Ferrol) e do PFB de Actividades domésticas (no CEE Nosa señora do Rosario da Coruña). Así mesmo, serán novo para o centro o PFB de Servizos de restauración no CEE María Mariño (A Coruña).

FP Básica e novos ciclos
No caso da FP Básica, implantada no curso 2015/2016, amplíase e diversifícase a oferta. Neste sentido cómpre salientar a implantación do novo ciclo de Mantemento de embarcacións deportivas e de recreo no CIFP Coroso (Ribeira). Así mesmo, serán novos os ciclos básicos de Reforma e mantemento de edificios e de Carpintaría e moble no CIFP Someso (A Coruña), o de Informática de oficina no Castro da UZ das Pontes (substituíndo ao de Electricidade e electrónica), os de Servizos comerciais e Electricidade e electrónica no IES de Sabón (Arteixo), o de Servizos comerciais no IES Punta Candieira (Cedeira) e o de Aloxamento e lavandaría no IES Universidade Laboral (Culleredo).

No que atinxe aos ciclos de grao medio e superior en réxime ordinario actualizarase a oferta do anterior ciclo de grao superior en Realización e plans de obra que, coa súa adaptación ao establecido na LOE e no Catálogo de Cualificacións Profesionais, pasa a denominarse Organización e control de obras de construción, que se impartirá no CIFP Someso (A Coruña), ademais de no IES Politécnico de Vigo. Así mesmo, a Consellería de Medio Rural implantará na CFEA de Sergude (Boqueixón) o ciclo de grao superior en Gandaría e asistencia en sanidade animal.

Así mesmo, engádese un grupo máis ao ciclo medio de Farmacia e parafarmacia, no IES Lamas de Abade (Santiago); e incorpóranse á oferta de cada un dos centros indicados os seguintes ciclos: superior en Mantemento electrónico, no IES Castro da Uz (As Pontes); e superior en Laboratorio de análise e de control de calidade, que se oferta de xeito alterno cada 2 anos no IES Moncho Valcarce (As Pontes).

No réxime modular para adultos incorpóranse á oferta o ciclo de grao medio en Instalacións frigoríficas de climatización, no IES Universidade Laboral (Culleredo); e o de grao superior en Proxectos de Edificación, no IES As Fontiñas (Santiago de Compostela). Tamén é novo na modalidade a distancia o ciclo medio en Preimpresión dixital (que se imparte no IES Leixa de Ferrol), e que será de oferta única en Galicia nesta modalidade non presencial.