Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco, as catro comunidades que a conforman, rexistraron un incremento medio do 8% nos viaxeiros aloxados e nas pernoitas
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, asegurou esta mañá que a marca turística España Verde –que aglutina a Galicia, Asturias, Cantabria e País Vasco- está consolidando o norte peninsular como un destino competititvo e de calidade. A directora de Turismo de Galicia fixo estas declaracións despois da reunión dos directores xerais da España Verde 2016 celebrada en Santiago de Compostela, na que participou en representación de Galicia como comunidade coordinadora deste proxecto interrexional durante este ano.
Nava Castro explicou que o turismo das catro comunidades autónomas rexistrou no primeiro cuadrimestre de 2016 un crecemento dun 8% de media xa que subiron tanto os viaxeiros aloxados en establecementos hoteleiros, que foron 2.193.868, como as pernoitas, un total de 4.056.889, segundo datos do Instituto Nacional de Estatística.
Así mesmo, subliñou o potencial turístico da España Verde como un “destino único no mundo” que ofrece máis de 2.000 quilómetros de costa, preto de 1.200 praias, 31 balnearios e 9 talasos, máis de 60 campos de golf, uns 20 Paradores de Turismo, máis de trescentas mil prazas de aloxamento, 60 Estrellas Michelin e 46 parques nacionais, parques naturais e reservas da biosfera cun millón de hectáreas de espazo protexido.
Neste sentido, a directora de Turismo de Galicia enxalzou a importancia da marca España Verde para a promoción e dinamización turística e cultural dos territorios socios e anunciou a intención de incrementar o orzamento destinado á promoción desta marca turística. Así mesmo, asegurou que Galicia continuará apostando por esta colaboración de cara a seguir obtendo “grandes resultados”.
Na reunión tamén se realizou un seguimento das accións deseñadas para este ano 2016, centradas fundamentalmente na promoción de “Bodegas e pazos” e no Camiño do Norte. De cara a 2017, Nava Castro avanzou que na xuntanza se acordou incluír a promoción do turismo de surf, de golf e náutico nas accións a desenvolver.
Inicios da marca turística España Verde
A marca turística España Verde foi posta en marcha en 1989 e avogou pola diversidade paisaxística e cultural dos territorios que representa como elemento diferenciador a nivel turístico. Con este espírito foi consolidando a súa proxección internacional e mellorando o seu posicionamento no contexto da oferta turística española.
Esta marca turística pon en valor as numerosas posibilidades dos territorios que comprende e que ofrecen ao viaxeiro recursos como a natureza, a gastronomía, as singularidades das súas cidades ou as rutas culturais como o Camiño de Santiago, que foi o Primeiro Itinerario Cultural Europeo.