Friday 22 de November de 2024

A Fundación Xosé Neira Vilas presenta ‘Galicia, nosa ledicia’, obra póstuma do crucense máis universal


O acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, quen destacou a ‘dedicación e a preocupación constante do escritor dezao por transmitirlle aos máis novos a historia, a tradición e os valores identitarios que nos definen como galegos e galegas’

A Fundación Xosé Neira Vilas presentou este serán na súa sede, en Gres, ‘Galicia, nosa ledicia’, obra póstuma do escritor e académico da lingua galega falecido en novembro de 2015. No acto contou coa participación do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, destacou “a dedicación e a preocupación constante de Neira Vilas por transmitirlle aos máis novos, nomeadamente aos nenos e ás nenas, a nosa historia, a nosa tradición e os valores identitarios que nos definen como galegos e galegas”.

Para García Gómez, “Galicia, nosa ledicia é unha mostra máis dese afán neiraviliano por darlle continuidade, xeración tras xeración, ao gran proxecto colectivo de Galicia no que sempre tivo centrada a súa atención e no que el cría firmemente que a lingua e a cultura de noso xogaban un papel decisivo”. No acto o presidente e a secretaria da Fundación Xosé Neira Vilas, Luís Reimóndez e Rosalía Morlán, respectivamente; e o responsable de Edicións Embora, Miguel Toval.

Un formato visual e pedagóxico
‘Galicia, nosa ledicia’ é, ao igual que algúns outros libros pertencentes á xenerosa produción literaria dos derradeiros meses de vida de Neira Vilas, unha obra póstuma que o autor non chegou a ver impresa, pero cuxa edición deixou da súa man integramente disposta en probas.

Trátase dun fermoso álbum con versos da súa autoría e ilustracións de Dani Viéitez e Iria Iglesias, que dá ao prelo a ferrolá Edicións Embora, no que o autor repasa a historia de Galicia nun formato totalmente visual e pedagóxico, con palabras pensadas para achegarlla, sobre todo, á xente miúda.

‘Galicia, nosa ledicia’ é boa mostra de que Neira Vilas foi un escritor activo que tivo ata o final dos seus días a Galicia e á súa lingua e cultura propias como eixe motivador do seu quefacer literario.

Autor inaugural da literatura infantil
Xosé Neira Vilas (1928-2015) foi membro numerario da Real Academia Galega, Doutor Honoris Causa polas universidades da Coruña e da Habana e fillo predilecto do Concello de Vila de Cruces. Entroutros galardóns recibiu a Medalla Castelao, o Premio Laxeiro, o Pedrón de Honra, o Premio Trasalba, o Premio da Crítica Española (novela en galego) e o da Crítica Galega (ensaio). O Premio Otero Pedrayo 2013 recoñeceu de maneira unánime a súa contribución á cultura galega e recibiu, da man da Xunta de Galicia e do Goberno galego, o Premio da Cultura Galega das Letras 2014 e a Medalla de Ouro de Galicia 2015.

Logo de residir e levar a cabo un importante labor cultural e lingüístico en América durante 43 anos, regresou a Galicia en 1992 para vivir na súa casa natal de Gres, onde instituíu canda á súa dona, Anisia Miranda, a fundación que leva o seu nome e desde a que el mesmo lle deu continuidade ao activismo cultural que iniciou na emigración. Tras o seu pasamento, o pasado mes de novembro, esta fundación é hoxe a depositaria da súa obra e a continuadora do seu legado.

Foi en vida e segue sendo, sen dúbida, un dos escritores clásicos da literatura galega, na que destacou como autor inaugural da literatura infantil e xuvenil coa obra ‘Memorias dun neno labrego’ (a novela galega que contabiliza máis reedicións e traducións ata os nosos días). Deu ao prelo máis de 60 obras e exerceu de infatigable colaborador de prensa, así como de impulsor e colaborador asiduo de múltiples actividades de interese para lingua e para a cultura galegas.