Friday 22 de November de 2024

A Xunta de Galicia reivindica o papel protagonista das persoas maiores na sociedade e aposta polo envellecemento activo para garantir unha vida plenamente satisfactoria e autónoma


Rey Varela indicou que coa nova Estratexia Galega de Envellecemento Activo dende a innovación 2016-2020 “queremos que a nosa Comunidade Autónoma se sitúe á cabeza de España no que atinxe á calidade de vida dos nosos maiores”

O conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, reivindicou un papel protagonista dos maiores na sociedade actual durante a XXXVIII Xuntanza dos Maiores que se celebrou no parque municipal de Carballiño, en Ourense, e á que tamén asistiron en representación da Xunta de Galicia as directoras xerais de Maiores e Persoas con Discapacidade; e de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Coro Piñeiro e Amparo González, respectivamente; así como o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez. Numerosas persoas procedentes das catro provincias galegas e das comunidades veciñas de Asturias e Castela León achegáronse a este encontro para a confraternidade e o lecer.

Na súa intervención, Rey Varela recoñeceu a importancia dos maiores na construción da sociedade moderna e do benestar de hoxe, engadindo que estes “teñen un papel principal no presente e futuro desta terra”. Nesta liña, asegurou que “temos moito que aprender do pasado, presente e futuro dos nosos maiores porque como di un proverbio alemán as árbores máis vellas dan os froitos máis doces; e a vosa sabedoría, experiencia, traxectoria vital, saber estar e saber facer son os froitos máis doces do noso pobo”, sinalou.

O conselleiro repasou as principais accións do Goberno galego dirixidas ao colectivo da Terceira Idade, como as centradas en fomentar o envellecemento activo e os hábitos de vida saudables como a mellor maneira de previr situacións de dependencia e garantir unha vida plena e autónoma. A este obxectivo responde nova Estatexia Galega de Envellecemento Activo dende a Innovación 2016-2020, coa que “queremos que a nosa Comunidade Autónoma se sitúe á cabeza de España no que atinxe á calidade de vida dos nosos maiores”, apuntou. Para conseguilo, a Estratexia propón intervencións en catro liñas estratéxicas: o emprego; a participación na sociedade; a vida independente, activa e seguro; e a non discriminación e a igualdade de oportunidades.

Ademais, Rey Varela destacou o reforzo das políticas sociais para este ano 2016, cuns orzamentos que medran un 12% con respecto ao exercicio pasado. Unha maior marxe orzamentaria que permitirá mellorar o sistema autonómico de atención á dependencia aumentando o número de persoas beneficiarias para chegar a unha cobertura asistencial do 75% cando remate este ano; incrementar o número de prazas en centros residenciais e de día ou tecer unha rede de atención temperá e ampliar as prazas en escolas infantís. Así mesmo, referiuse á ampliación do número de prazas en escolas infantís para que “os vosos fillos e fillas teñan máis facilidades para conciliar e para que os vosos netos e netas teñan en Galicia o mellor lugar para medrar e desenvolverse”, concluíu.

Nesta Xuntanza dos Maiores, ademais das exhibicións de bailes, a música e a comida campestre, recoñeceuse o traballo que realiza o movemento asociativo no ámbito da Terceira Idade para contribuír ao benestar deste colectivo. Así, na edición deste ano recibiron distincións a Asociación de Pensionistas e Xubilados de Palas de Reis (Lugo), a Asociación Cultural de Baile “Obradoiro” de Teo (A Coruña), a Asociación de Xubilados e Pensionistas do Grove (Pontevedra), e ao Centro Sociocomunitario da Xunta de Galicia no Barco de Valdeorras (Ourense).