A orde, publicada esta semana, ten por obxecto regular as axudas a proxectos que presenten empresas, entidades representativas do sector pesqueiro, entidades públicas locais e asociacións declaradas de utilidade pública e outras entidades sen ánimo de lucro
O Diario Oficial de Galicia publicou esta semana a orde que establece as bases reguladoras das subvencións a proxectos promovidos polos Grupos de Acción Local do sector Pesqueiro (GALP) e a súa convocatoria para o presente ano. A través dela estes grupos poderán acceder a preto de 9,5 millóns de euros para o desenvolvemento de proxectos que redunden en beneficio para as zonas litorais de Galicia.
A orde ten por obxecto regular as axudas a proxectos que presenten empresas, entidades representativas do sector pesqueiro, entidades públicas locais e asociacións declaradas de utilidade pública e outras entidades sen ánimo de lucro. Así, ao abeiro desta convocatoria de subvencións, poderanse por en marcha iniciativas que contribúan á creación de empresas e xeración de emprego nas zonas costeiras, a aumentar o valor dos produtos da pesca e da acuicultura ao reforzo do papel das comunidades pesqueiras no desenvolvemento local e da gobernanza dos recursos pesqueiros e actividades marítimas locais. Ademais tamén serán subvencionables aqueles proxectos que fomenten a diversificación do sector –como pode ser o caso do turismo mariñeiro- e a conservación e valorización do patrimonio natural e cultural marítimo-pesqueiro.
A orde establece que os proxectos que se presenten poden ser “produtivos” e “non produtivos”. Os “produtivos” enfócanse como iniciativas que deben favorecer unha actividade de lucro potencial para promotor e os “non produtivos” son aqueles que non supoñen o inicio ou desenvolvemento dunha actividade económica.
Os interesados en presentar as solicitudes poden consultar os requisitos e a documentación esixida na orde publicada no DOG. Ademais poderán acceder ás estratexias dos GALPs e aos modelos de memoria para a presentación de proxectos no seguinte enlace.
Para a convocatoria de 2016 o prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde. As solicitudes irán dirixidas ao grupo de acción local do sector pesqueiro (GALP) e axustaranse ao modelo que figura como anexo I da orde.
No caso de entidades públicas locais, a presentación das solicitudes realizarase unicamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es. No resto dos casos, as solicitudes deberán presentarse preferiblemente deste xeito. Opcionalmente, tamén se poderán presentar en soporte papel no rexistro de cada un dos GALP.
Os GALP
Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro dan continuidade ao traballo desenvolvido dende os Grupos de Acción Costeira ou GAC. En Galicia hai 7 GALPs, os Grupos de acción local do sector pesqueiro A Mariña Ortegal, Golfo Ártabro Norte, Costa da Morte, Seo de Fisterra Ría de Muros-Noia: Costa Sostible, Ría de Arousa, Ría de Pontevedra e Ría de Vigo-A Guarda. Estas organizacións son entidades sen ánimo de lucro de carácter supramunicipal promovidas pola Unión Europea, formadas por axentes tanto públicos como privados das sete zonas de actuación constituídas e traballan co fin de mellorar a capacidade organizativa do sector pesqueiro e de fomentar a diversificación para os profesionais do mar.