Saturday 16 de November de 2024

A Xunta mellora a transparencia administrativa e a seguridade xurídica na protección e xestión dos espazos naturais


As consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural veñen de ditar unhas instrucións conxuntas co fin de aclarar a normativa de aplicación en canto aos usos permitidos na Rede Natura 2000 de Galicia, en relación cos terreos dedicados á actividade agropecuaria

A Xunta está a mellorar a transparencia administrativa e a seguridade xurídica dos cidadáns con respecto á protección e xestión dos espazos naturais de Galicia. Neste contexto, as consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural veñen de ditar unhas instrucións conxuntas co fin de aclarar a normativa de aplicación en canto aos usos permitidos na Rede Natura 2000 de Galicia, en relación cos terreos dedicados á actividade agropecuaria.

Este documento, que se fará público a través das webs de ambos departamentos, foi elaborado polas direccións xerais de Conservación da Natureza e de Ordenación e Produción Forestal. O seu obxectivo é difundir tanto no eido interno da Xunta como para a cidadanía en xeral os criterios que se seguirán nesta materia.

Así pois, estas instrucións van dirixidas especialmente ao persoal das consellerías de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e do Medio Rural relacionado directamente coa xestión dos usos agropecuarios nos espazos naturais protexidos.

De acordo con estas indicacións, considéranse actividades permitidas aquelas de carácter tradicional que son compatibles coa protección do espazo natural porque non causan afección apreciable. Tamén todos aqueles non incluídos nos grupos de actividades prohibidas ou suxeitas a autorización nin recollidos na normativa específica contida no Plan director da Rede Natura 2000. Os usos permitidos non requiren autorización do órgano autonómico competente en materia de conservación da natureza, sen prexuízo do resto de autorizacións sectoriais.

Considérase que no medio rural de Galicia as actividades relacionadas co sector primario (actividade agrícola, gandeira e forestal) teñen, indubidablemente, un marcado carácter tradicional.

Usos permitidos
De xeito resumido, a instrución conxunta recolle como usos permitidos a rexeneración e mantemento de terreos dedicados ao uso agrícola ou gandeiro, o aproveitamento das producións agrícolas e gandeiras e a aradura de terreos agrícolas ou gandeiros abandonados hai menos de 10 anos, ou despois de que rematase un procedemento de concentración.

Tamén serán actividades permitidas os tratamentos silvícolas en masas arboradas de eucaliptos e piñeiros cunha fracción de cabida cuberta superior ao 50% e o mantemento e mellora das infraestruturas preexistentes: pistas, camiños, faixas cortalumes, pasos canadienses, peches gandeiros e cinexéticos, puntos de auga e puntos de vixilancia contra incendios forestais.

Así mesmo, considérase permitido o mantemento das redes de faixas de control da biomasa e o mantemento e mellora de pasteiros preexistentes e as rozas manuais ou mecanizadas nos queirogais secos, sempre que non supoñan a destrución do hábitat.

Con respecto ás reforestacións, constitúen unha actuación permitida se existe planificación, é dicir, cando estean recollidas nos correspondentes proxectos de ordenación, documentos simples de xestión ou documentos compartidos de xestión. En todo caso, respectaranse a prohibicións e autorizacións contempladas sobre o particular na Lei de Montes de Galicia.

En termos semellantes, serán usos permitidos a realización de aproveitamentos madeireiros e leñosos en parcelas arboradas de eucalipto e/ou piñeiro (sempre que exista planificación) e a realización doutros aproveitamentos forestais non madeireiros, levados a cabo consonte coa Lei de Montes e a súa normativa de desenvolvemento. Inclúense actividades como o aproveitamento de pastos, a caza (sometida a autorización e regulación sectorial específica) e os aproveitamentos micolóxicos ou de plantas aromáticas e froitos, agás cando afecten a especies de interese para a conservación (neste caso requirirán unha autorización).