Friday 22 de November de 2024

Feijóo salienta o esforzo que está a realizar a Xunta para priorizar as axudas sociais a prol da conciliación do ámbito laboral e familiar


Asegura que a Xunta vai seguir traballando do lado do colectivo de mulleres para dar unha reposta mellor ás súas necesidades

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, subliñou o esforzo que está a realizar o Goberno galego para dar prioridade ás axudas sociais dirixidas a mellorar a conciliación entre o ámbito familiar a laboral; e, entre elas, citou como exemplo a concesión de prazas en garderías públicas. Así o puxo de manifesto durante a súa intervención na 44ª Asemblea Nacional de Viúvas.

O mandatario galego destacou que a Xunta vai seguir traballando do lado do colectivo de mulleres para dar unha reposta mellor ás súas necesidades. “Este é o camiño e eu propóñovos seguir andándoo xuntos para acadar novos acordos a través do diálogo”, dixo.

Feijóo recoñeceu que non se entende o desenvolvemento de España e de Galicia sen o papel da muller, e fixo referencia ao movemento asociativo que, desde sempre, leva vinculado ao colectivo feminino. “Fálase agora de redes sociais, pero vós formastes outras reais, feitas con esforzo, traballo e sobre todo con amor”.

Aludindo concretamente ás mulleres viúvas, que en Galicia suman un total de 167.900, o titular da Xunta afirmou que “son as primeiras en entender a importancia da unión, xusto por ter vivido moitas veces situacións de illamento e soidade”. “A unión fai que o colectivo máis desprotexido dentro do colectivo desprotexido que formaban as mulleres, teña peso social e logre cambiar a vida mesma dos seus membros”, apuntou.

O presidente concluíu lembrando o admirable exemplo de loita e superación persoal que a sociedade ten nas mulleres viúvas que, segundo asegurou, “lémbranos que o amor e a solidariedade seguen a ser as forzas máis poderosas”.