Friday 22 de November de 2024

Un total de 10 persoas con parálise cerebral preséntanse este sábado ás oposicións convocadas polo Ministerio


Dous técnicos de Federación ASPACE-Galicia orientáronos e formado durante os meses previos á proba e acompañaranos na viaxe para guialos e resolver calquera dúbida previa

O pasado mes de decembro, o Ministerio de Facenda e Administración Pública convocaba un proceso selectivo co fin de cubrir un total de 70 prazas de persoal laboral fixo, na modalidade de Axudante de Xestión e Servizos Comúns- Ordenanza, dirixido a persoas con discapacidade intelectual.
Un total de 10 persoas con parálise cerebral preséntanse mañá sábado a esta proba que terá lugar, ás 11.00 horas, na facultade de Ciencias da Información da Complutense de Madrid. Dous técnicos de Federación ASPACE- Galicia acompañaranos na viaxe para guialos durante o proceso, así como para resolver calquera dúbida previa que puidese xurdir.
O proceso selectivo constará de dúas fases:
Unha primeira fase de oposición mediante un exercicio que consistirá na realización dun cuestionario de 25 preguntas, con tres respostas alternativas, sendo só una delas a correcta; e unha segunda fase de concurso.
O pasado ano presentáronse un total de 7 persoas, aprobando a fase de oposición 6 deles.

Formación e apoio
Desde ASPACE- Galicia apóstase pola formación dos nosos/as usuarios/as por iso, desde o pasado mes de xaneiro, dous técnicos da Federación ofreceron apoio e formación específica para estas oposicións.
Esta actuación levouse a cabo de maneira semipresencial. As clases presenciais tiveron como obxectivo reforzar os conceptos que os mozos/as adquiren na casa, realizar simulacros de exames, ademais de resolver posibles dúbidas. As sesións tiveron lugar en APAMP en Vigo, Amencer- ASPACE en Pontevedra e ASPACE- Coruña.
Ademais da formación específica, os nosos técnicos tamén ofreceron orientación en todo o relacionado co proceso: desde a tramitación da solicitude ata a presentación de documentación ou a presentación de reclamacións ás listas.
Este é o primeiro ano no que Federación ASPACE- Galicia ofrece este tipo de formación específica en resposta á demanda detectada o pasado ano no que un total de 7 persoas integradas no Programa de Emprego requiriron e recibiron orientación e formación para presentarse á realización destas probas.