O departamento de Turismo da Xunta participa nas Xornadas inversas de turismo de short-breaks organizadas por Turespaña en Madrid
A oferta galega relacionada coas estancias curtas e o turismo de compras, short-breaks, está presente nas Xornadas inversas de promoción turística organizadas por Turespaña co obxectivo de promover as posibilidades dos distintos destinos nacionais entre os operadores turísticos especializados.
Así, dentro destas xornadas que rematan hoxe, Turismo de Galicia ten a oportunidade de reunirse cos 20 axentes británicos máis importantes neste ámbito para que poidan coñecer e afondar nas posibilidades da Comunidade galega nesta modalidade turística.
As boas conexións aéreas coa capital británica, a gastronomía, a diversidade das contornas urbanas galegas, a cultura, a natureza e mesmo o Camiño de Santiago son elementos do turismo galego que se destacan nesta presentación como parte dunha oferta diversificada e recoñecible como propia de Galicia dentro marco nacional.
Ademais, incídese nas posibilidades das cidades galegas para realizar compras diversas, artesanía ou produtos gastronómicos.
Neste ámbito, Turismo de Galicia aposta pola promoción das estancias curtas como unha das modalidades máis importantes para desestacionalizar a actividade turística, tendo en conta a Comunidade galega como un destino multiexperiencial con capacidade para atraer viaxeiros de distintas nacionalidades con preferencias variadas, entre os que se atopan os británicos.
Demanda británica
Con preto de 9.000 viaxeiros aloxados e 21.200 pernoitas hoteleiras o mercado británico sitúase en quinto lugar no ranking de principais mercados estranxeiros e representou no primeiro cuadrimestre do ano o 7,4% do total internacional.
Neste primeiro cuadrimestre o turismo británico superou nun 14% a cifra de viaxeiros aloxados e nun 38% o volume de pernoitas do mesmo período do pasado ano