“Hai un camiño que se pode navegar e que ten a mesma capacidade que o outro para unir persoas e pobos”, di
O titular da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou que, igual que ocorre na ruta terrestre que leva a Compostela, a travesía ‘Navega Camiño’ creará unha nova identidade que vai contribuír a entendernos mellor. “Hai un camiño que se pode navegar e que ten a mesma capacidade que o outro para unir persoas e pobos”, aseverou, durante a presentación desta iniciativa de North Marinas.
Durante o acto de presentación, Feijóo subliñou que con esta travesía revitalízanse dúas tradicións que están no cerne da construción europea: “Europa empeza a moldearse no Camiño do Santiago; nas rutas que levan a Compostela os peregrinos procedentes de todos os lugares do continente séntense irmáns e comezan a verse como europeOs. E, xunto a esa moldura espiritual hai outra comercial que nace no mar Báltico coa Liga Hanseática”, lembrou.
O presidente do Goberno galego afirmou que só unha visión cativa que esqueza o valor cultural, comunicativo e económico do mar, pode considerar que Euskadi, Cantabria, Asturias e Galicia sexan a periferia da Península. E aseverou que neste século XXI que vai converter o Atlántico nun novo Mare Nostrum, e o Cantábrico nunha gran autoestrada europea, as cinco comunidades están destinadas a un papel protagonista que hai que aproveitar. “Hoxe facémolo no turismo, e nun dos nosos sinais turísticos máis senlleiros, como é o Camiño de Santiago, a onde se pode chegar a pe, a cabalo, en bicicleta e, agora tamén, por barco”.
Feijóo concluíu subliñando que a Galicia do século XXI non se sinte limitada por fronteiras políticas, xeográficas ou mentais e aspira a colaborar de novo no entendemento de culturas. “Dirixe os seus numerosos faros cara ao veciño Portugal, á América que os galegos contribuíron a construír, á Europa que sigue a ser un espazo de liberdade e benestar, á España na que nos sentimos máis libres e fortes e, por suposto, aos pobos irmáns do Cantábrico cos que formamos non unha periferia, senón o centro do novo Mare Nostrum do Atlántico”, asegurou.