Precisa que unha sociedade máis envellecida, que rexistra a súa vez un descenso no índice de nacementos, supón un custe non só polas patoloxías asociadas que concentra unha poboación de maior idade, senón polas políticas de estímulo da natalidade que é preciso desenvolver
O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, destacou na apertura do XXXVI Congreso da Sociedade Española de Medicina de Familia e Comunitaria, que propoñer un Fondo de Cohesión Demográfica no sistema de financiamento das comunidades é un xeito de defender a Sanidade pública.
Nesta liña, precisou que unha sociedade máis envellecida, que rexistra a súa vez un descenso progresivo no índice de nacementos, supón un custe para o sistema sanitario público. Non só polas patoloxías asociadas que concentra unha poboación de maior idade, senón polas políticas de estímulo da natalidade que é preciso desenvolver. “De aí –aseverou- a importancia de que o sistema de financiamento autonómico pondere de forma diferenciada a incidencia destes factores en cada territorio”.
O titular da Xunta comezou a súa intervención subliñando que a Atención Primaria é a base de todo o organigrama que compón a sanidade pública deste país; o seu eixe vertebrador. “En moitas ocasións temos dito que o termo ‘primaria’ non equivale a ‘reducida’, ‘elemental’ nin ‘de calidade inferior’. Máis ben, significa todo o contrario: primeira, primordial. É dicir, o primeiro punto de contacto co paciente, a porta de entrada ao sistema”, aseverou, referíndose tamén ao importante papel que desempeñan os profesionais neste eido.
Así mesmo, afirmou que tamén é fundamental dotar esta especialidade médica das infraestruturas e recursos necesarios para que a primeira resposta que ofrece o servizo sanitario público sexa o máis eficaz e áxil posible.
As novas tecnoloxías, ferramenta de apoio fundamental
E, sobre este punto afirmou que se atallar o reto demográfico é hoxe un dos principais obxectivos do sistema, non o é menos que as novas tecnoloxías se convertan na ferramenta de apoio para que o servizo público de saúde funcione de forma coordinada en cada un dos seus niveis, desde a Atención Primaria á hospitalaria.
“As TIC conseguen facer máis cómodo e fácil calquera trámite ou consulta que o paciente teña que realizar; pero tamén conectan o traballo de todos os profesionais do sistema á hora de acceder, por exemplo, á historia clínica dunha persoa”, dixo, ao que engadiu que no Servizo Galego de Saúde, o uso das TIC tradúcese en avances como: a receita electrónica, “en cuxa implantación fomos pioneiros”; a historia clínica electrónica, que xa dá servizo a máis de 7.000 facultativos de todos os centros sanitarios públicos galegos e tamén a residencias sociosanitarias públicas; a interconsulta electrónica, para que os médicos de Atención Primaria poidan consultar e manexar conxuntamente cos especialistas hospitalarios determinadas situacións clínicas sen que os pacientes teñan que desprazarse; ou a consulta telefónica en Atención Primaria, que evita en moitos casos que o paciente teña que acudir ao propio centro de saúde.
“E poder prescribir un medicamento de forma electrónica, —grazas á receita electrónica ou a través dunha chamada telefónica—, reduciu xa en tres millóns o número de consultas que se deixaron de realizar nos centros de saúde. Consultas de tipo administrativo que ocupaban tempo aos profesionais que agora poden dedicar a aqueles pacientes que más o necesitan”, abundou.
Feijóo subliñou que as tecnoloxías tamén están a permitir mellorar a capacidade diagnóstica da sanidade pública. E, sobre este punto lembrou que a Xunta ten comprometido un investimento de 75 millóns de euros para renovar o equipamento tecnolóxico do Sergas, con novos aceleradores liñales, mamógrafos, TAC e resonancias nucleares magnéticas que xa se están instalando nos hospitais galegos.
“Pero tamén desde a Atención Primaria estamos incorporando novos equipos de ecógrafos, retinógrafos ou espirómetros para facer máis resolutivo o traballo dos centros de saúde”, engadiu.
Vías rápidas ante calquera sospeita de cancro
O presidente da Xunta asegurou que se en algo é notable o reforzo que está tomando a Atención Primaria en Galicia é na atención ás patoloxías oncolóxicas. E salientou que ante calquera sospeita de cancro, o Sergas activou as chamadas vías rápidas entre a Atención Primaria e o médico especialista para garantir ao paciente que o diagnóstico se producirá no menor tempo posible.
“A nosa prioridade é que tanto o diagnóstico, como a intervención cirúrxica ou o posterior tratamento, se realicen co menor tempo de espera”, dixo, ao que engadiu que ata o momento este sistema está resultando efectivo porque o pasado ano beneficiou a un total de 11.721 persoas -234 más que en 2014- que, ademais, foron atendidas nun prazo aproximado de 7,2 días.
En relación ás infraestruturas, Feijóo subliñou que nestes sete años construíronse 26 novos ambulatorios públicos que xa están finalizados, 11 foron reformados e 8 están en obra. E, no tocante á rede de hospitais públicos explicou que, ademais de agrandala con dous novos centros en Vigo e Lugo, renovouse con obras de ampliación nos complexos hospitalarios de A Coruña, Ourense, O Salnés e A Mariña.
“E xa temos comprometidos 24 millóns do superávit de responsabilidade para continuar mellorando a calidade asistencial do noso sistema público de saúde porque queremos reforzar a actividade nos hospitais para rebaixar as listas de espera; poñer en funcionamento este ano 12 novos centros de saúde públicos; ou proseguir coa dotación de equipamento en varios dos nosos hospitais públicos e cos proxectos de centros como o de Ferrol ou Montecelo”, asegurou.
Feijóo concluíu agradecendo o traballo dos profesionais do sistema público de saúde e expresou o convencemento de que aspirar a conseguir un sistema público de saúde máis ambicioso “será sempre unha realidade, e non papel mollado, se traballamos xuntos para logralo”.