A previsión é alcanzar os 800 participantes do ano pasado
O Día da Bici de Riveira regresa o vindeiro 19 de xuño nunha nova edición. A partir das 11 horas, arrancará na praza de España unha actividade plenamente consolidada no calendario do municipio (e que forma parte da programación do Xuño da Cultura e as Artes) que ten como principal obxectivo reivindicar o uso da bicicleta como un medio de transporte axeitado tanto dende o punto de vista económico como ecolóxico.
Para desgranar os pormenores desta acción estiveron hoxe na Casa do Concello o edil de Deportes, Anxo Orellán, e Juan Santos en representación do club ciclista Os Saltamontes, que se encargará do control técnico da actividade.
A cita arrancará ás 11 horas na praza de España para completar unha distancia de 9,5 kilómetros e unha dificultade física e técnica baixa que a fai asumible para persoas de calquera condición. Os 2 primeiros kilómetros (cun percorrido exclusivamente urbano ao descorrer pola rúa de Galicia, Malecón ou avenida da Coruña) poderán ser realizados por nenos con idades menores aos 7 anos (sempre acompañados de adultos), os cales despois terán oportunidade de disfrutar dunha xincana e inchables na propia praza de España mentres non conclúa todo o itinerario.
Sorteo
O resto do percorrido será o habitual das últimas edicións, proseguindo por Deán, avenida da Coruña, avenida da Paz, Malecón e regreso á praza de España, onde se realizará un sorteo de agasallos entre os inscritos: entre eles dúas bicicletas, unha por cortesía da tenda local Sportbike.
Dende a organización se incide moito no feito de que é obrigatorio levar casco e de inscribirse nos prazos marcados para poder estar protexido polo seguro de accidentes. Ademais, advirten que non se poder adiantará aos coches e persoas da organización que encabezarán a marcha.
Inscricións
O prazo de participación segue aberto ata o día 16 de xuño ás 12 do mediodía e pódese realizar online na páxina web www.riveira.gal.
A tenor do ritmo de inscricións (con preto de 400 nestes momentos) espérase alcanzar os 800 participantes do ano pasado.