Friday 22 de November de 2024

Exposición de ilustracións de Mariña Gándara Serantes no Museo do Humor de Fene


A MOSTRA DA ARTISTA FENESA INAUGÚRASE O VINDEIRO MARTES, 14 DE XUÑO, ÁS 20 HORAS
A sala de exposicións temporais da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene acollerá a partir do vindeiro luns unha exposición de ilustracións da xoven artista fenesa Mariña Gándara Serantes. A mostra poderá visitarse ata o xoves 7 de xullo, en horario de luns a venres, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas, e os sábados, de 10:00 a 13:00 horas. A partir do xoves 23 de xuño (incluído), o horario será de luns a venres, de 10.00 a 14.15 horas.

Afeccionada ao debuxo, Mariña Gándara é na actualidade alumna do ilustrador Xosé Tomás nos Obradoiros de Ilustración que imparte en Betanzos. De feito, foi él quen a animou a amosar as súas obras na que será a súa primeira exposición.

Como ela mesma afirma, “pode distinguirse un estilo irremediablemente manga nas miñas obras”. De feito, a Mariña coñéceselle en Internet como Tokkori, en referencia a unha personaxe dunha serie manga que lle gustaba moito no seu tempo.

Aínda que orixinaria da Costa da Morte, Mariña Gándara leva vivindo en Fene dende os sete anos. Estudou no Ceip O Ramo de Barallobre e, nestes intres, está a rematar o seu Bacharelato no IES de Fene.