Friday 22 de November de 2024

O Concello de San Sadurniño mellorará a eficiencia enerxética do pazo e contratará dúas persoas discapacitadas dentro do plan provincial de medio ambiente


O municipio ten solicitada, ademais, a concesión dun plan de emprego para contratar outras catro persoas

O Plan de Medio Ambiente (PMA) impulsado pola Deputación da Coruña ten unha dotación de 5 millóns de euros e vai destinado aos 93 concellos da provincia para o financiamento de investimentos e actividades que, entre outros obxectivos, contribúan a manter e mellorar a eficiencia enerxética ou a calidade ambiental de contornos naturais. De acordo cos criterios de distribución destes fondos, a San Sadurniño correspóndenlle 61.766,54 euros que o Concello decidiu dividir en tres actuacións: a substitución da carpintaría exterior da casa consistorial para aforrar en calefacción, a adquisición dunha nova rozadora de brazo para os tractores municipais e, ademais, contratando dúas persoas con discapacidade durante catro meses e medio para que fagan pequenos labores de conservación en instalacións municipais e áreas de lecer. Este programa complementarase nos próximos meses cun plan de emprego -xa solicitado e sufragado tamén con fondos xestionados pola Deputación- co que se prevé contratar outras catro persoas desempregadas. Tanto nun caso coma no outro os postos temporais cubriranse con xente de San Sadurniño preseleccionada polo Servizo Público de Emprego de Galicia.

As bases do plan especifican que os concellos deben destinar un mínimo do 50% da asignación do programa a investimentos medioambientais. A porcentaxe restante, até un máximo do 50%, pode destinarse a actividades relacionadas coa mellora do entorno natural dos municipios. Seguindo estes criterios o Concello decidiu incluír no PMA o cambio da carpintaría exterior da casa consistorial co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética. O aspecto dos ventanais será o mesmo, pero os materiais empregados impedirán fugas de calor e, polo tanto, rebaixarán o consumo e o custe económico da calefacción. A obra está cifrada en 36.300 euros e agárdase poder contratala en breve.

Outro dos investimentos financiados co plan será a adquisición dunha nova rozadora de brazo para equipar un dos tractores municipais. Trátase dun aparello cun custe estimado de 15.300 euros para o que xa se pediron ofertas e que, segundo a titular de Servizos, Amparo Calvo, “axilizará aínda máis os traballos de limpeza da nosa rede viaria”.

O último apartado do plan prevé contratar dúas persoas cun certo grao de discapacidade que formarían unha pequena brigada ambiental co obxectivo de manter espazos verdes, baleirar papeleiras, atender illas de colectores e facer labores de limpeza viaria. A contratación -aínda non iniciada- farase pedíndolle ao Servizo Público de Emprego de Galicia un listado de persoas que se axusten ao perfil demandado, entre as que o Concello fará a selección final. A duración do contrato será de 4,5 meses durante 25 horas á semana. Do PMA provincial destinaranse arredor de 10.200 euros, mentres que os custes restantes -material de traballo, combustible, etc.- serán asumidos polo Concello.

Proposta do PSOE
O contido deste proxecto ambiental sufragado con fondos provinciais xa se avanzou no pleno do mes de marzo. No apartado de rogos e preguntas daquela sesión, o representante do PSOE, Eduardo Lourido, informou sobre a previsión da Deputación de habilitar unha liña de subvencións que permitiría “contratar 1 ou 2 persoas” vinculadas a un proxecto de tipo ambiental. Lourido solicitou que se valorase esa posibilidade que, xa naquel momento, foi acollida polo grupo de goberno co compromiso de “estudala” e buscarlle acomodo no proxecto que tiña por obxectivo mellorar a eficiencia enerxética da casa consistorial mediante a substitución da carpintaría exterior.

Plan de emprego
En paralelo ao Plan de Medio Ambiente, a Deputación tamén convocou un programa de axudas para municipios de cara a que poidan contratar xente de apoio a servizos municipais. A San Sadurniño correspondéronlle 28.000 euros e o Concello preparou un proxecto que permitiría incorporar unha persoa para conducir o camión do lixo e os tractores municipais durante un período de 6 meses a tempo completo, un perfil especializado en albanelaría para facer pequenas obras de mantemento -4 meses, 25 horas á semana- e dúas persoas máis para o departamento de Obras que lles darían apoio e que contarían cun contrato a tempo parcial durante 5 meses e 27,5 horas á semana. Este equipo estaría coordinado coa brigada ambiental que se porá en marcha con cargo ao PMA.

O proxecto do plan de emprego está xa solicitado á Deputación da Coruña e agárdase que este organismo comunique en breve a súa concesión. A contratación de persoal farase tan pronto como se produza esa comunicación e, neste caso, tamén se lle encargará ao Servizo Público de Emprego de Galicia que faga a preselección dos perfís profesionais.