Friday 22 de November de 2024

O alcalde de Frades solicita a colaboración do presidente da Deputación para o arranxo das beirarrúas entre o colexio e Ponte Carreira


González Formoso comprometeuse estudar o arranxo das beirarrúas e axilizar a mellora da seguridade viaria en Galegos

O alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, reuníuse esta mañá co presidente da Deputación Provincial da Coruña, Valentín González Formoso, para solicitarlle a súa colaboración no arranxo das beirarrúas que unen Ponte Carreira co colexio, na estrada CP-3082 Ordes-Ponte Carreira. Roberto Rey indica que “trátase dun tramo de beirarrúas que se atopa moi deteriorado, polo que o presidente da Deputación comprometeuse a trasladar a nosa petición ao Departamento de Vías e Obras para o seu estudo, pois se trata dun camiño moi empregado para acceder tanto ao colexio como ao local social de Ponte Carreira”.

Rey Martínez tamén lle trasladou ao presidente provincial a necesidade de poñer en marcha os proxectos de mellora da seguridade viaria na CP 3802 Ordes-Ponte Carreira e na CP 3081 Frades-Sigüeiro. “Queremos que se poidan poñer en marcha canto antes sendas peonís ou actuacións de seguridade viaria nos núcleos de Moar e de Aiazo”, explica o alcalde de Frades, quen conseguíu o compromiso do presidente provincial de axilizar no posible a reforma da CP-3802 na zona de Vista Alegre (Galegos).

Este proxecto, que conta cun orzamento de 149.159,10 euros, inclúe a construción dunha senda peonil con bordo de formigón cunha lonxitude de preto dun quilómetro e 1,80 metros de ancho. De forma previa ás obras da senda, canalizaranse os servizos existentes con tubaxe de PVC, soterrarase a instalación necesaria para a iluminación pública e executaranse 23 arquetas con sumidoiro e tres pozos de rexistro para a recollida de augas pluviais.

Finalmente, o alcalde de Frades aproveitou a reunión con Valentín González para trasladarlle outros temas de interese para o municipio, como os múltiples desperfectos causados polos temporais na rede viaria muncipal e a posiblidade de acometer un proxecto para converter o multiusos actual nunha biblioteca e nunha aula de informática.