Os visitantes poderán visitar a horta de Toxosoutos, na que o alumnado da UNED está a recuperar variedades da comarca, e disfrutar de exposicións de minerais, fósiles e plantas exóticas e da zona
O Concello de Lousame e a Asociación Máisdetres están a ultimar os últimos detalles do “Encontro de saberes e sabores”, que este domingo 12 de xuño reunirá a máis de corenta postos de artesanía e almientos na contorna do mosteiro de San Xusto de Toxosoutos. Unha iniciativa organizada conxuntamente polo Concello de Lousame, a Asociación Máisdetres e a UNED Coruña, que a maiores inclúe: unha ruta de sendeirismo, demostracións ao vivo de antigos oficios, charlas formativas e actuacións de música tradicional.
A directora da Asociación Máisdetres, Carmen Freire, explica que “contaremos con máis de corenta postos de artesanía e alimentación, dos que dez serán de veciños e veciñas de Lousame. A maiores, os que se acheguen este domingo por Toxosoutos poderán ver planteis tanto de especies da comarca como exóticas, unha colección de minerais e fósiles e coñecer a horta de Toxosoutos, onde estamos tratando de recuperar distintas variedades autóctonas desta comarca”.
O Concello de Lousame informa de que se habilitará como aparcamento o campo da festa de San Xusto, emprazado ao pé da estrada Santiago-Noia. Non estará permitido o acceso nin á contorna do mosteiro nin ao aparcamento do camposanto.
Horarios
Dende as 11:00 e as 20:00 horas, o “Encontro de saberes e sabores” acollerá máis de corenta postos nos que haberá degustacións e venda de produtos, así como exhibicións en vivo de distintos artesáns da comarca: cesteiros, carpinteiros, sombrereiros, tecedores, oleiros… incluso un cantar de cego.
Unha hora antes, ás 10:00 horas, terá lugar unha ruta de sendeirismo pola contorna de San Xusto de Toxosoutos, no que a día de hoxe xa están apuntadas 120 persoas. A inscrición segue aberta no 981 825 780 e a participación é totalmente de balde. A ruta, con saída e chegada no mosteiro de Toxosoutos, ten unha lonxitude de 6,4 kms e percorrerase en hora e media. Os sendeiristas subirán ao monte Culou, farán paradas nas dúas fervenzas e na ponte medieval, ademais de disfrutar dunha vexetación autóctona e protexida.
Ás 12:00 horas, o historiador Clodio González Pérez ofrecerá unha charla-coloquio sobre o patrimonio e a historia de Lousame. Clodio González é autor do libro “Concello de Lousame: Patrimonio arqueolóxico, histórico, artístico e arquitectónico”.
Paralelamente, o mosteiro de San Xusto de Toxosoutos acollerá a primeira actividade da Fundación Félix Rodríguez de la Fuente en Galicia, que consistirá no “Obradoiro de iniciación en metodoloxía Bosquescuela”, un taller que analizará as vantaxes da educación dos nenos ao aire libre. Este taller está organizado pola Fundación Félix Rodríguez de la Fuente, en colaboración coa Facultade de Formación do Profesorado da Universidad de Santiago de Compostela e a Asociación Maisdetres. Impartirase o sábado 11 de xuño (de 9:30 a 14:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas) e o domingo 12 de xuño (de 9:30 a 14:00 horas). Máis información e inscricións a través da web www.bosquescuela.com ou no mail info@bosquescuela.com.