O alcalde propoñerá aos voceiros da Corporación aprobar unha moción
O alcalde de Cambre, Óscar García Patiño, recibiu hoxe á Asociación Plataforma de Vítimas Alvia 04155, que lle pediu o apoio da Corporación cambresa para coñecer as verdadeiras causas do accidente e as responsabilidades políticas.
Neste senso, García Patino acordou coa asociación trasladar a moción ao resto da Corporación para levala ao vindeiro pleno. A moción pretende solicitar ó Goberno da Nación que encargue á unha comisión de expertos e técnicos independentes a investigación do ocurrido.
A devandita Plataforma constituíuse coa intención de reivindicar a verdade e a xustiza en sentido amplo, esixindo tamén responsabilidades políticas, polos feitos que rodearon ao mencionado sinistro.
Asemade, o vindeiro 17 de xuño ás 20.00 horas na Casa da Cultura (Villa Concepción) terá lugar unha proxección do documental “Frankenstein”, no que as vítimas narran en primeira persoa o fatídico sinistro ferroviario acaecido en Santiago en xullo do 2013.