Saturday 16 de November de 2024

Feijóo anuncia un paquete de axudas de 1,3 millóns de euros para previr e paliar os danos que provocan o xabaril e outras especies


Esta medida, enmarcada no superávit de responsabilidade, complementa outras encamiñadas a loitar contra os estragos producidos polo oso pardo e o lobo

O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación dun paquete de axudas de 1,3 millóns de euros, destinadas a previr e paliar os danos que provocan o xabaril e outras especies salvaxes. Estas axudas van enmarcadas dentro dun plan de acción elaborado pola Consellería do Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, a Consellería do Medio Rural e a Consellería de Infraestruturas e Vivenda.

Estas axudas xa foran adiantadas polo presidente no Consello da semana pasada, entre as medidas financiadas polos fondos extra dos que dispón Galicia por ter cumprido o obxectivo de déficit. Complementan outras iniciativas similares xa existentes destinadas a evitar os danos producidos por outras especies: así, repartíronse 43 pastores eléctricos e organizáronse charlas divulgativas para evitar que o oso pardo provoque estragos e convocouse unha liña de axudas de 360.000 euros para paliar os danos producidos polo lobo.

Este plan recolle accións en catro ámbitos diferentes. No tocante ao papel do xabaril nos accidentes de tráfico, a Xunta definirá “as zonas onde se concentran estes sinistros e implantará medidas correctoras, como sinalizacións, pasos de fauna ou uso de repelentes e atraentes”, dixo o presidente. En segundo lugar, o plan establece melloras na xestión e aproveitamento da especie, para, entre outros obxectivos, loitar contra o furtivismo. O terceiro eido refírese á formación. “Imos traballar co sector da caza para evitar que, nas batidas, os animais se dirixan cara ás estradas”, exemplificou Feijóo.

Compensar polos danos pasados e previr danos futuros
O cuarto eixo engloba axudas para minorar os danos producidos na agricultura e a gandería, que se dividen en dous grupos. O primeiro, as axudas encamiñadas a paliar os danos que xa se produciron. As compensacións, que se tramitarán en réxime de concorrencia, terán en conta o tipo de cultivo, a superficie afectada e o dano producido. O segundo grupo de axudas busca previr que se vaian ocasionar danos futuros. “Imos subvencionar a adquisición de pastores eléctricos”, anunciou o presidente da Xunta. As axudas poderán cubrir a totalidade do custo do dispositivo, ata un importe máximo de 600 euros por explotación.

As axudas para compensar polos danos xa producidos ascenderán este ano a 600.000 euros, o que supón unha mellora substancial fronte aos 250.000 euros que se consignaran na última orde deste tipo. Pola súa banda, as axudas encamiñadas á prevención teñen un monto de 400.000 euros, dos cales 250.000 se dedican unicamente a previr os danos do xabaril e os outros 150.000 os doutras especies.

As ordes que rexen estes dous tipos de axudas publicaranse no mes de xuño, puntualizou o presidente da Xunta. “Deste modo, podemos falar en total de 1,3 millóns de euros destinados a este plan, cuxo obxectivo é conciliar a preservación dunha especie coma o xabaril coa custodia dos intereses dos agricultores”, concluíu Feijóo.