Saturday 23 de November de 2024

O novo Plan Forestal de Galicia quere establecer unha política de montes estable que garanta o seu aproveitamento sustentable


“O Plan Forestal de 1992 cumpriu con creces a súa función pero, máis de dúas décadas despois de ser aprobado, precisaba unha actualización”, afirma Feijóo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, anunciou hoxe a aprobación no Consello da Xunta das directrices para a revisión do Plan Forestal de Galicia, un plan aprobado en 1992 que “cumpriu con creces a súa función pero, máis de dúas décadas despois de ser aprobado, precisaba unha actualización”, afirmou. Este novo Plan ten como obxectivo establecer unha política de montes estable e con vocación de permanencia, que garanta o aproveitamento sustentable dos nosos recursos forestais.

Feijóo reivindicou o compromiso do Goberno autonómico con este sector ao longo das dúas últimas lexislaturas, nas que se buscou “elaborar un marco regulatorio que achegase seguridade xurídica”. Nesta liña, citou a aprobación en 2012 da primeira Lei de montes da historia de Galicia, os tres decretos que a desenvolven (o que establece as instrucións xerais de ordenación e xestión, o que regula os aproveitamentos forestais e o referente aos reinvestimentos dos ingresos).

Estas directrices de actualización foron elaboradas por un grupo de traballo que se acordou constituír en 2014, no seo do Consello Forestal de Galicia. Este grupo intégrano 26 persoas que cobren todo o sector, coordinadas por dous expertos de probada solvencia. “As directrices formuladas polo grupo de traballo foron aprobadas por consenso e acordouse que estivesen accesibles para calquera cidadán”, reivindicou o presidente.

Este documento busca ser o instrumento básico para o deseño e execución da nosa política forestal. Incluirá tres puntos fundamentais: unha avaliación da situación do monte galego, as directrices e programas de actuación da política forestal e mecanismos de seguimento e avaliación. Con este Plan quere chegarse a un modelo de monte actualizado, aceptado pola sociedade, con vocación de permanencia, sustentable e que achegue emprego e riqueza.
Principios reitores e orientacións estratéxicas
O Plan Forestal de Galicia terá unha vixencia de 20 anos con revisións cada dez, e terá como guías sete principios reitores: que o monte contribúa ao desenvolvemento rural, fomentar unha produción e consumo sustentables, acadar un monte multifuncional no que se compatibilicen os distintos usos e servizos,aumentar ou manter a contribución do sector ao PIB galego, potenciar as empresas de produción e comercialización dos produtos forestais non madeireiros, establecer un marco de política forestal estable e independente dos vaivéns políticos e fixar unha batería de indicadores que avalíen cada cinco anos o grao de cumprimento dos obxectivos establecidos no Plan Forestal de Galicia.

Baseándose nestes piares, os membros do grupo de traballo estableceron unha serie de orientacións estratéxicas contables. Algunhas delas son: o aumento da superficie arborada ocupada por frondosas caducifolias (onde se enmarca o compromiso de plantar un millón de castiñeiros), o mantemento ou redución da superficie ocupada polo eucalipto e o fomento da súa variedade Globulus en lugar do Nitens, o incremento da calidade da madeira producida, a simplificación dos trámites de autorización das cortas, o establecemento dun plan periódico de actuación fronte ás pragas e enfermidades do eucalipto e o desenvolvemento de incentivos fiscais que faciliten o investimento privado.

“Gustaríame felicitar ao grupo de traballo pola elaboración deste plan e polo consenso acadado”, dixo o presidente, antes de concluír cun chamamento a impulsar o sector forestal e da madeira, pois ten un peso moi importante na estrutura económica galega.