A conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, interveu no Parlamento galego para dar conta do estado das masas de auga na comunidade autónoma
O 100 por cento das aglomeracións galegas de máis de 15.000 habitantes equivalentes contan a día de hoxe cunha EDAR, xunto co 99% daquelas de entre 2.000 e 15.000 habitantes equivalentes.
Así o sinalou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, durante unha intervención no Parlamento galego na que deu conta do estado das masas de auga da comunidade autónoma.
Actualmente, Galicia conta cun total de 160 depuradoras -73 delas situadas nas rías galegas-, que proporcionan a capacidade suficiente para depurar as augas de máis de 3,5 millóns de persoas, unha cifra superior aos habitantes de Galicia. Aínda así, precisou Mato, “quedan zonas por depurar”, o que constitúe unha das principais razóns para posta en marcha do novo Plan hidrolóxico para a demarcación Galicia-Costa 2015-2021, dotado con 655 millóns, dos que a Xunta achega un total de 423 millóns.
Deste total de depuradoras, 39 foron executadas polo actual Goberno galego. Deste xeito, as infraestruturas creadas desde 2009 dan servizo a máis de 1,2 millóns de persoas.
Estas cifras cobran maior relevancia se se comparan con estado do saneamento hai 25 anos. Ao respecto, Mato lembrou que nesas datas en Galicia “só se depuraban as augas de 10.000 veciños” e só se dispoñía dunha gran depuradora en explotación.
En canto ao esforzo orzamentario, indicou que a Xunta ten investido máis de 1.100 millóns de euros nos últimos sete anos en actuacións de saneamento, depuración e abastecemento. “Ningún outro goberno destinou tantos recursos a este obxectivo”, salientou a conselleira. Gran parte deste orzamento tivo como obxectivo a depuración das rías, que sumaron uns 600 millóns de euros.
A conselleira subliñou que “todo este traballo pódese cuantificar, porque fixo posible que a porcentaxe de augas en bo estado da demarcación Galicia-Costa ascéndese nos últimos anos do 70,6% ao 77,5% actual”. Con todo, apuntou que o obxectivo do Goberno galego “é seguir traballando, ata acadar o 100%, pero podemos afirmar que vamos polo bo camiño”.