Friday 22 de November de 2024

A Xunta asiste á presentación dos dispositivos de seguridade para o Camiño de Santiago


O vicepresidente, Alfonso Rueda, acompañou ao secretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez, na súa visita ao escuadrón de Cabalería da Garda Civil e á Unidade de Intervención Policial

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañou ao secretario de Estado de Seguridade, Francisco Martínez, e o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, na súa visita ao albergue de Santa Irene (O Pino), onde comprobaron o despregamento de seguridade da Garda Civil no Camiño de Santiago, segundo a aplicación do convenio asinado entre a Xunta e o Estado para tal propósito.

Posteriormente, os tres desprazáronse á Praza da Quintana, en Santiago de Compostela, onde asistiron á presentación do dispositivo de seguridade do Ano da Misericordia por parte da Unidade de Intervención Policial (UIP) do Corpo Nacional de Policía. En ambos actos, tamén estiveron presentes o subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán; e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Colaboración en seguridade
O convenio de colaboración coa Secretaría de Estado de Seguridade e a Axencia Galega de Turismo regula a vixilancia no camiño de Santiago. Co devandito obxecto establécese un marco de colaboración entre ambas partes para garantir e manter un elevado nivel de seguridade e eficacia a través dos itinerarios polos que discorren as distintas rutas do Camiño. Así mesmo destaca a necesidade de coordinar os criterios de actuación das Comisarías da Policía Nacional ou das comandancias da Garda Civil.

Deste xeito quedan establecidas dúas tempadas nas que se reforza a seguridade e atención cidadá nas rutas de peregrinación. Unha primeira fase abarca dende unha semana antes de Semana Santa ata sete días despois da mesma. E, a segunda fase vai dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro de cada ano.

Para o cumprimento do convenio a Delegación do Goberno en Galicia é a responsable do reforzo da presenza das Forzas e Corpos de Seguridade ao longo das distintas rutas en beneficio tanto das persoas como dos bens do Patrimonio Histórico e Cultural. Do mesmo xeito establece os servizos de prevención e investigación para a loita contra a delincuencia nestes percorridos, e elabora un Plan de Intelixencia que permite detectar calquera acción que poida perturbar o normal desenvolvemento da peregrinaxe.

Pola súa banda, a Axencia Galega de Turismo colabora no cumprimento do convenio facilitando os labores da Policía Nacional e da Garda Civil a través de documentación on- line, así como a habilitación de cortellos para aloxar aos cabalos do Escuadrón de Cabalería entre os meses de xuño a setembro.

Ademais, comprométese a dotar de material reflector de seguridade aos peregrinos e de realizar campañas de concienciación entre estes para o emprego da comunicación telemática que informe como están a realizar o Camiño e onde se atopan en cada etapa.

Este convenio é de aplicación nas distintas rutas que compoñen o Camiño de Santiago e que se diferencian entre o do Norte, o Primitivo, o Francés, o Portugués e o Inglés. Todo eles contabilizaron en 2015 262.458 peregrinos dos que o 53 por cento eran estranxeiros. Cada ano increméntase a cifra deste fenómeno cultural, histórico e económico, especialmente dende que en 1992 a UNESCO recoñeceuno como Patrimonio da Humanidade.

Escuadrón de cabalería
O Escuadrón de Cabalería da Garda Civil, con sede en Valdemoro, que se presentou esta mañá no Pino, para o reforzo da seguridade no Camiño de Santiago ten unha dobre labor social, xa que ademais da protección tamén colabora na loita contra os incendios.

O escuadrón de cabalería forma parte dos efectivos que a Garda Civil destina á prevención de incendios nos meses de verán. Estes efectivos colaboran na prevención e detección de aparición de lumes. Dada a versatilidade que proporcionan os cabalos convértense nun medio de especial eficacia á hora de penetrar en lugares de difícil acceso.

Unidade de Intervención Policial
A Unidade de Intervención Policial destinada á vixilancia no Camiño de Santiago presenta unha singularidade e intensidade especial nas datas e lugares de maior afluencia de peregrinos e visitantes sendo, a Catedral e a súa contorna os espazos de maior incidencia e atención policial.

O dispositivo policial, que combina efectivos uniformados e de paisano, e cunha finalidade eminentemente disuasoria, pretende previr a comisión de infraccións penais en xeral, á vez que achegar un plus de seguridade noutros aspectos non estritamente policiais e de índole humanitaria.