Friday 22 de November de 2024

A Xunta e a Fundación Meniños organizan unha xornada para a atención de nenos e nenas vítimas da violencia de xénero


O Museo Pedagóxico de Galicia acolle a Xornada Técnica sobre a Intervención con menores vítimas de violencia de xénero

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou a importancia e a necesidade do desenvolvemento de programas específicos dirixidos ás e aos menores vítimas da violencia de xénero, de xeito directo ou indirecto, debido a que as situacións de violencia machista non só afectan ás mulleres. Neste sentido, López Abella destacou a colaboración da Xunta coa Fundación Meniños no seu traballo con estes menores, vítimas da violencia de xénero.

López Abella participou no Museo Pedagóxico de Galicia, no acto de inauguración da Xornada Técnica sobre a Intervención con menores vítimas de violencia de xénero, xunto coa directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González Méndez. Esta xornada está dirixida á totalidade de profesionais que están a traballar con estes/as menores que sofren violencia de xénero de xeito directo ou indirecto.

Esta iniciativa está organizada conxuntamente pola Secretaría xeral da Igualdade e a Fundación Meniños e se enmarca na colaboración que ambas entidades veñen mantendo nos últimos anos. Dende a Xunta apoiase o traballo desta fundación con nenos e nenas expostos a situacións de violencia, que son considerados xa vítimas directas desta violencia dende que entrou en vigor o pasado mes de agosto a reforma da Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero.

Dende o ano 2012 a Secretaría Xeral da Igualdade colabora no desenvolvemento deste programa de intervención, dirixido á atención especializada a menores expostos á violencia de xénero, en colaboración coa Fundación Meniños que conta cun Centro de asesoramento e terapia familiar dirixido a familias que precisan solucionar problemas relacionados cos seus fillos e fillas e resolver dúbidas sobre o proceso educativo. Este programa ten a finalidade de actuar sobre as necesidades fundamentais dos nenos e nenas e adolescentes vítimas da violencia promovendo a súa recuperación e benestar.

Medidas de protección infantil
Pola súa banda, a directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, Amparo González, asegurou que “a desprotección infantil constitúe un dos problemas sociais máis graves que afectan aos nosos nenos e nenas”. Deste xeito sinalou que “actualmente teñen expediente de protección 3.760 menores, dos que 1.464 están baixo a tutela pública , e 561 mozos están executando algunha medida xudicial”.

Na liña da protección aos menores, a directora xeral lembrou que en 2015 este sistema veuse modificado por dúas novas leis de xeito que os menores “considéranse vítimas directas da violencia machista”. En particular, afirmou que “os menores que como consecuencia da violencia de xénero dos seus proxenitores queden orfos, merecen a máxima protección dos poderes públicos que debe asumir a súa tutela mediante o procedemento establecido e prestándolle a atención adecuada a través dos diferentes recursos e programas do sistema de protección á infancia e adolescencia”.

Dentro das actuacións que leva a cabo a Xunta de Galicia para protexer xurídica, social e economicamente á familia e aos menores, Amparo González recordou que hoxe mesmo vense de publicar o Decreto polo que se define a carteira de servizos sociais de familia, infancia e adolescencia no que se inclúe un servizo específico de apoio a familias nas que se viven situacións de violencia de xénero. “Ademais estamos ultimando a tramitación da Estratexia Galega para a Infancia e a Adolescencia, que se estrutura en catro liñas estratéxicas destinadas á promoción dos dereitos e a participación, ao dereito a un crecemento equilibrado e saudable, á intervención en situación de dificultade, risco e conflito persoal, familiar e social e á mellora da calidade do sistema e a práctica institucional”, engadiu.

O programa desta Xornada Técnica está formado por diferentes profesionais como o psicopedagogo e Educador Social no centro de preservación familiar Salburúa de Vitoria-Gasteiz, Iñigo Martínez; a psicóloga e técnica do equipo de intervención en violencia de xénero da Fundación Meniños, Raquel García; a psicóloga infantil do equipo de atención infantil do centro EXIL de Barcelona; e a psicóloga e coordinadora do Proxecto Gritando al Mundo da Fundación Juan Soñador.